A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense aprobou 15 acordos na súa sesión ordinaria desta semana

Redacción

A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense aprobou 15 acordos na súa sesión ordinaria desta semana, que tivo lugar ao mediodía de hoxe no salón de plenos.

Asesoría xurídica (2). Aprobou iniciar os procedementos de reclamación de danos e prexuízos, con retención de facturas procedentes dos contratos administrativos, das obras dos proxectos de humanización da Avenida de Portugal, Tramo 1: desde a rúa Ervedelo ata Villa Valencia, e Tramo 2: desde Villa Valencia ata Marcelo Macías, parcialmente financiados a través do Fondo Europeo de recuperación Next Generation.

Educación (1). Deu o visto e prace ás bases reguladoras e á convocatoria pública para a selección de proxectos para a súa inclusión na Escola Municipal Continua de Ourense durante o ano 2027.

Licenzas (2). Concedeu as licenzas de obra para os proxectos dunha vivenda unifamiliar no lugar de Casixova, Velle, e para a reforma interior dunha vivenda nun inmoble na rúa Celso Emilio Ferreiro.

Patrimonio (2). Desestimou unha reclamación de responsabilidade patrimonial por lesións sufridas como consecuencia dunha caída na rúa por non concorrer os requisitos legais que dan dereito a unha indemnización. Tamén acordou requirir unha compañía aseguradora que indemnice o Concello polos danos causados por un vehículo nun bolardo na rúa Carriarico.

Contratación (1). Autorizou unha modificación non substancial do contrato mixto de subministracións e servizos para a implantación dos sistemas de control de tráfico da Zona de Baixas Emisións de Ourense Centro. Consiste no cambio de localización dun panel de mensaxe variable: en vez de na rúa Ramón Cabanillas estará xunto ao paso de peóns entre as glorietas da estrada N-525 e a rúa Xesús Pousa, en sentido centro.

Xestión económica (1). Aprobou unha relación de facturas correspondentes a gastos realizados en exercicios anteriores que non puideron seguir a tramitación ordinaria para a súa aprobación nos ditos exercicios.

Avogacía consistorial (6). Deu conta dunha sentenza e dun auto ditados polo tribunal de instancia da Sección do Contencioso-Administrativo Praza número 2 de Ourense, dunha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (Sala do Social Sección 1), e dun auto do Tribunal de Instancia Sección do Contencioso-Administrativo Praza número 2 de Vigo.

Ademais, o Concello foi emprazado para comparecer e personarse en calidade de demandado en 2 procedementos diante dos tribunais de instancia da Sección do Contencioso-Administrativo, prazas número 1 e 2 de Ourense.

Comparte este artigo