As mesas electorais do casco urbano de Caldas de Reis trasládanse ao novo Fogar do Maior para as Eleccións Xerais do 29 de novembro

Redacción

O alcalde, Jacobo Pérez, explica que o traslado lévase a cabo debido ás obras que se están a acometer no Auditorio Municipal para a construción do Museo Inmersivo do Xardín Botánico e a Carballeira

O Concello de Caldas Reis informa de que as mesas electorais correspondentes ao casco urbano nas eleccións do vindeiro 29 de novembro estarán habilitadas nas dependencias do novo Fogar do Maior, no número 5 (baixo) do Camiño Sarnadela. Así o confirmou este xoves o alcalde, Jacobo Pérez, que lembrou que habitualmente as votacións se levaban a cabo no Auditorio Municipal. O traslado lévase a cabo debido ás obras que se están a cometer no inmoble, concretamente na sala de exposicións, para habilitar o Museo Inmersivo adicado á Carballeira e ao Xardín Botánico.
Ademais, nesta convocatoria o núcleo pasará a contar cunha mesa a maiores, por decisión da Xunta Electoral de Zona.

O rexedor apuntou que “consideramos que o Fogar do Maior reúne todas as condicións axeitadas para acoller as votacións”. As dependencias, inauguradas hai apenas un ano, contan cunha extensión de máis de 800 metros cadrados, con varias salas. Ademais, nas proximidades hai prazas de estacionamiento. O seu emprazamento tamén facilita o tránsito a pé. Neste sentido, Jacobo Pérez recordou que precisamente nestes días se están ultimando as obras da construción da nova pasarela sobre o río Bermaña, que facilitará a mobilidade peonil polo centro da vila.

O horario de votación será o habitual, de nove da mañá a oito da tarde.

O Pleno extraordinario para a configuración das mesas electorais levouse a cabo o pasado 3 de novembro. Xa se procedeu, ademais, ao envío das notificacións ás persoas que formarán parte das devanditas mesas, cumprindo cos prazos que establece a normativa vixente.

Comparte este artigo