A portavoz nacional intervirá xunto a Carme da Silva, Sandra González, Sabela Méndez e Álvaro Lamas nun encontro aberto á veciñanza que terá lugar ás 12:00 horas na Casa da Cultura.
O BNG celebrará este sábado, 14 de novembro, ás 12:00 horas, un acto público aberto a toda a veciñanza na Casa da Cultura de Tomiño, coa participación da súa portavoz nacional, Ana Pontón, para presentar as propostas da formación de cara ás eleccións estatais do vindeiro 29 de novembro e animar a apoiar masivamente o BNG para reforzar a voz de Galiza en Madrid.
Baixo o lema «Galiza. Dereitos. Vida digna. Agora con máis forza!», o acto contará tamén coas intervencións de Sandra González, alcaldesa de Tomiño; Sabela Méndez, candidata ao Senado; Álvaro Lamas, candidato ao Congreso; e Carme da Silva, candidata número un ao Congreso pola provincia de Pontevedra.
Como traslada o portavoz local do BNG, Uxío Benítez, o encontro será unha oportunidade para poñer en valor «unha forma de facer política que pon a xente no centro, como levamos demostrando co noso traballo na comarca e nas alcaldías que encabezamos», e explicar a importancia de reforzar esa mesma voz en Madrid. «O Baixo Miño precisa de persoas que coñezan as nosas necesidades e as defendan tamén nas institucións estatais, como xa se fixo en numerosas ocasións trasladando as problemáticas da comarca e reclamando solucións», sinala.
Desde o Consello Local do BNG de Tomiño animamos a veciñanza a participar nesta cita e a coñecer de primeira man as nosas propostas e as persoas que integran as candidaturas. Chamamos a encher a Casa da Cultura este sábado e a sumar apoios para que esa forma de traballar, próxima á xente e comprometida co territorio, teña máis forza en Madrid.

