O BNG comprométese a blindar no Congreso unhas pensións públicas dignas fronte ás ameazas de recortes da dereita e a ultradereita

Redacción

A fronte nacionalista defende a suba das pensións como mínimo ao IPC, que ningunha estea por debaixo do salario mínimo interprofesional e recuperar a idade de xubilación aos 65 anos, nun encontro en Vigo co colectivo de xubilados/as e pensionistas da CIG

Anxo Iglesias: “Para o BNG é unha prioridade garantir unhas pensións públicas dignas”

Xabier P. Igrexas: “Hai que blindar o sistema público como un dereito irrenunciábel”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) comprométese a blindar no Congreso dos Deputados o sistema público de pensións fronte ás ameazas de recortes da dereita e da ultradereita. A fronte nacionalista defende a suba das pensións como mínimo ao IPC, que ningunha estea por debaixo do salario mínimo interprofesional e recuperar a idade de xubilación ordinaria aos 65 anos, entre outras medidas.

Así o anunciou o candidato do BNG ao Congreso pola circunscrición de Pontevedra, Anxo Iglesias, nun encontro en Vigo co colectivo de xubilados/as e pensionistas da CIG canda o portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, e a deputada no Parlamento galego, Carmela González. Asegurou que un Bloque con “aínda máis forza en Madrid” a partir das eleccións do 29 de novembro vai garantir unha axenda galega en defensa das pensións, as segundas máis baixas do Estado.

Dende a fronte nacionalista denunciaron que as pensións galegas son hoxe 2.600 euros inferiores cada ano do que a media do Estado. E na provincia, advertiron, o 57,7% das persoas pensionistas perciben ingresos por debaixo do salario mínimo, unha cifra que se eleva até o 70% no caso das mulleres. “O BNG temos moi claro que garantir unhas pensións públicas dignas é unha prioridade”, salientou.

O candidato do Bloque cargou a ese respecto contra os discursos da dereita e da ultradereita, que ameazan con recortar e privatizar o sistema público de pensións. De igual xeito, tachou de “insuficientes” as políticas dos últimos anos por empobrecer na práctica a economía das persoas pensionistas. Por este motivo, reafirmou o compromiso nacionalista coa a derrogación das catro reformas aprobadas entre os 2011 e 2023, que supuxeron retrocesos no sistema público.

Entre as medidas do programa do Bloque para as eleccións xerais, subliñou a urxencia dun aumento real do poder adquisitivo garantindo tanto a actualización das pensións, como mínimo ao IPC, así como garantir que ningunha estea por debaixo do salario mínimo interprofesional. Lembro que a día de hoxe, as pensións mínimas sitúanse en 827 euros ao mes, unha cantidade que “non permite vivir con dignidade”.

Para a fronte nacionalista é tamén prioritario recuperar a xubilación ordinaria aos 65 anos e a parcial aos 61, e tamén permitir que traballadoras e traballadores con 35 anos de cotización poidan acceder a unha pensión. Nesa liña, defenden ademais a necesidade de coeficientes redutores naquelas profesións con condicións máis penosas, como o sector dos elaborados, o frío industrial, o transporte, a construción ou as panaderías.

Se hai recursos para gasto militar, tamén para as pensións

De por parte, o portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, fixo un chamamento ás 66.000 pensionistas de Vigo para que fagan posíbel un BNG “aínda máis determinante e con máis forza en Madrid” na defensa do sistema público de pensións. “A proposta do Bloque é avanzar en dereitos e garantir unha vida digna para toda a poboación, singularmente, para todas as traballadoras e traballadores unha vez concluíu a súa vida laboral”, afirmou.

Fixou a blindaxe do sistema público de pensións como dereito irrenunciábel, asegurando que existen recursos para conseguilo. “Un Estado que nos últimos 4 anos destinou 110.000 millóns de euros a gasto militar, ten que poder garantir unhas pensións públicas dignas para todas e para todos”, defendeu.

Comparte este artigo