Ponteareas destina unha partida de 200.000 euros para apoiar e impulsar o deporte local

Redacción

O Concello reafirma o seu compromiso co deporte a través dunha convocatoria de subvencións que beneficia a 91 clubs, entidades e deportistas individuais.

As axudas contribúen a fortalecer o deporte base, apoiar a participación en competicións e aliviar os gastos das entidades deportivas e das familias.

O Concello de Ponteareas reafirma a súa aposta polo deporte local cunha partida orzamentaria de 200.000 euros destinada a subvencións para a promoción e o apoio á actividade deportiva, unha iniciativa que permite respaldar o traballo dos clubs, entidades e deportistas individuais do municipio. A convocatoria, impulsada pola Concellería de Deportes, beneficia nesta edición a un total de 91 clubs, entidades e deportistas, consolidando o apoio municipal a un sector fundamental para a vida social, educativa e saudable de Ponteareas.

A alcaldesa, Nava Castro, destacou que “o deporte é moito máis que competición. É saúde, educación, convivencia, esforzo e valores. Por iso, desde este goberno municipal temos claro que apoiar o deporte é investir no presente e no futuro de Ponteareas”. A rexedora puxo especialmente en valor o labor que desenvolven os clubs e as súas directivas, así como o compromiso das familias que acompañan diariamente os seus fillos e fillas nos adestramentos e competicións.

“Queremos que ningún talento quede atrás por falta de oportunidades e que os nosos clubs conten co respaldo institucional que merecen. Ponteareas ten unha enorme canteira deportiva e debemos seguir acompañándoa e fortalecéndoa”, sinalou Castro.

Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, Nico Rodríguez, puxo en valor o rigor e o alcance desta convocatoria, apuntando que deseñamos unhas bases baseadas en criterios técnicos, obxectivos e transparentes para que as axudas chegasen de maneira xusta a todas as disciplinas, desde o deporte base ata os nosos deportistas individuais e do motor”. Este respaldo económico “permite aliviar os gastos correntes da tempada 2025/2026 e seguir consolidando Ponteareas como unha vila activa, integradora e orgullosa do seu tecido deportivo”, destacou o concelleiro.

Apoio a todas as disciplinas deportivas
As axudas distribúense en tres liñas deseñadas para atender as distintas realidades do deporte ponteareán. No caso da liña 1 abrangue a clubs e entidades deportivas. Concentra o groso da partida e beneficia a 25 agrupacións locais de disciplinas como fútbol, baloncesto, natación, ciclismo, patinaxe, billar, bádminton, tenis, xadrez, hóckey, petanca, tiro con arco ou artes marciais.

No caso da liña 2 vai destinada a deportistas individuais. Estaliña vai destinada a respaldar a traxectoria e a participación en competicións de 49 deportistas do municipio a título individual. Finalmente, a liña 3 vai dirixida a deportistas de motor. Apoia de forma específica a 17 pilotos e deportistas vinculados ao automobilismo e motociclismo. Estas axudas permiten financiar gastos directamente relacionados coa actividade deportiva, como licenzas federativas, desprazamentos, aloxamento, arbitraxes, cotas federativas, persoal técnico, adestradores e alugueiro de instalacións.

Compromiso co deporte
A alcaldesa subliñou que “Ponteareas é unha vila de deportistas, de clubs comprometidos e de familias que fan un esforzo extraordinario. O noso deber é estar á altura dese compromiso, apoiar o seu traballo e seguir construíndo unha Ponteareas con máis oportunidades para practicar deporte”. O concelleiro de Deportes destacou que “o noso obxectivo é que todas as disciplinas teñan oportunidades e que tanto os clubs como os deportistas individuais sintan que o Concello está ao seu lado”.

O Concello vén de completar a tramitación da convocatoria e de trasladar o expediente aos servizos económicos municipais para facer efectivos os pagamentos á maior brevidade posible.

Comparte este artigo