‘MercaMos no Nadal’ reunirá os días 21 e 22 de novembro 25 establecementos comerciais, propostas gastronómicas, obradoiros infantís e actuacións para todos os públicos
Mos celebrará os días 21 e 22 de novembro unha nova edición de “MercaMos”, unha fin de semana chea de actividade, comercio local e espectáculos para todos os públicos.
O Concello de Mos organiza esta iniciativa, que reunirá 25 comerciantes do municipio nun mercado pensado para promover as compras de proximidade e dar visibilidade á variedade de produtos e servizos que ofrece o comercio local.
A proposta, que terá lugar na contorna do Pazo de Mos, combinará os postos comerciais coa presenza de pulpeiro, foodtrucks, actividades e obradoiros infantís, nunha programación dirixida a todos os públicos e especialmente pensada para gozar en familia.
Os máis pequenos poderán participar en diferentes propostas, como pintacaras, elaboración de coroas de Nadal, creación de elfos con piñas, fabricación de fariña con muíños, tenis de mesa, gravado en chapa e xogos con pequenas porterías de fútbol.
O mercado abrirá as súas portas o sábado 21 de novembro ás 16:30 horas e o domingo 22 a partir das 11:00 horas.
A programación de espectáculos comezará o sábado ás 17:00 horas con Os Rizos de Lía. Ás 18:00 horas terá lugar a presentación de Las Aventuras de Coralita, seguida, ás 18:30 horas, da actuación do “Payaso Popín”. A xornada continuará ás 19:30 horas cunha actuación da Pasión Flamenca de Vigo e rematará ás 20:30 horas con Sin Reserva Acústico.
O domingo, as actividades arrancan ás 12:30 horas coa actuación de Rayanos. A actuación do “Tributo Musical Las Guerreras K-Pop”, está previsto para as 18:30 que tomará o escenario cun espectáculo musical para pechar a fin de semana festiva.
Con esta iniciativa, o Concello de Mos busca impulsar o comercio de proximidade, ofrecer alternativas de lecer para as familias e crear un espazo de encontro para a veciñanza arredor das compras, a gastronomía e o entretemento.
PROGRAMACIÓN COMPLETA
SÁBADO 21 DE NOVEMBRO
16:30 h. Apertura do mercado.
17:00 h. Actuación infantil: Os Rizos de Lía.
18:00 h. Presentación libro Las Aventuras de Coralita.
18:30 h. Actuación infantil: “Payaso Popin”.
19:30 h. Actuación: Asociación Pasión Flamenca de Vigo.
20:30 h. Actuación musical: Sin Reserva Acústico.
DOMINGO 22 DE NOVEMBRO
11:00 h. Apertura do mercado.
12:30 h. Rayanos.
18:30 h. “Tributo Musical Las Guerreras K-Pop”.

