O concello da Guarda organiza un roteiro de identificación de cogomelos

Redacción

• A actividade terá lugar o sábado 21 de novembro, ás 10:00 horas, con saída dende a Casa da Comunidade de Montes de Salcidos

O Concello da Guarda, a través do departamento de Medio Ambiente e en colaboración con Biophilia Axencia Ambiental, organiza para o sábado 21 de novembro un roteiro de identificación de cogomelos, unha actividade de carácter divulgativo que permitirá ás persoas participantes achegarse ao mundo da micoloxía e coñecer mellor a diversidade de especies presentes na nosa contorna natural.

A actividade dará comezo ás 10:00 horas, con saída dende a Casa da Comunidade de Montes de Salcidos, e estará centrada na observación e identificación de cogomelos no seu hábitat natural. Cómpre salientar que se trata dun roteiro de identificación, non dunha actividade de recolección.

Durante o percorrido, as persoas asistentes poderán adquirir nocións básicas sobre o mundo dos cogomelos, aprender a recoñecer algunhas das especies máis habituais e coñecer consellos e recomendacións para unha recolección responsable e segura. Tamén se abordarán aspectos fundamentais para diferenciar as especies comestibles das tóxicas e evitar posibles riscos derivados dunha identificación incorrecta.

Esta proposta enmárcase na programación de actividades outonais impulsadas polo departamento de Medio Ambiente do Concello da Guarda, co obxectivo ofrecer á veciñanza guardesa oportunidades para descubrir e valorar a biodiversidade do noso territorio.

As persoas interesadas en participar nesta actividade poden inscribirse en medioambiente@aguarda.es

Comparte este artigo