– O Hospital Provincial de Pontevedra acolle a instalación colectiva Vivir con diabetes: un círculo construído entre todos, que visibiliza o traballo conxunto de doentes, familias e profesionais sanitarios
– Esta iniciativa, impulsada pola Asociación de Nenas, Nenos e Xente Nova e Adulta con Diabetes de Galicia -ANEDIA- inclúe imaxes dos equipos asistenciais, proxectos destacados da área de saúde e contidos audiovisuais de concienciación
A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés adheriuse hoxe ás actividades de sensibilización arredor do Día Mundial da Diabetes coa instalación no Hospital Provincial de Pontevedra dun gran mural colaborativo e conmemorativo baixo o lema Vivir con diabetes: un círculo construído entre todos.
Esta iniciativa, desenvolvida en colaboración coa Asociación de Nenas, Nenos e Xente Nova e Adulta con Diabetes de Galicia -ANEDIA-, ten coma obxectivo amosar que a atención e o seguimento desta patoloxía crónica van moito máis alá da consulta médica, construíndose diariamente grazas ao traballo coordinado de pacientes, familias, equipos de saúde, centros educativos e entidades sociais.
Proxecto participativo con protagonismo dos profesionais
O mural de grandes dimensións Vivir con diabetes: un círculo construído entre todos recolle historias, experiencias e fotografías dos equipos profesionais da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés implicados no manexo integral da Diabetes, así coma imaxes representativas dos servizos e unidades vinculadas co seu tratamento.
Ademais da estrutura física exposta no centro hospitalario pontevedrés, a campaña inclúe contidos audiovisuais de concienciación difundidos nas plataformas de ANEDIA, nos que profesionais e responsables asistenciais da Área Sanitaria abordan cuestións clave coma a importancia do diagnóstico precoz, o valor da educación diabetolóxica, os avances terapéuticos e o acompañamento ás familias.
Coa instalación desta mostra no Hospital Provincial capitalino, a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés e a asociación ANEDIA reforzan a súa alianza para visibilizar a Diabetes, recoñecer o labor diario dos equipos asistenciais e fomentar a participación activa da cidadanía na mellora da calidade de vida das persoas con esta patoloxía.

