- Domínguez considera a situación preocupante. “É inadmisible que a limpeza se atope en suspensión absoluta. É preocupante que os pais estean valorando non levar aos seus fillos ao colexio por falta de hixiene”
- “Mentres a Xunta de Galicia avanza e consolida medidas para a mellora educativa, reforza profesorado e baixa ratios nas aulas Lores é incapaz de garantir algo tan básico como a limpeza dos centros educativos”, indica Domínguez
O presidente do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, critica que o Goberno de Lores non estea a mover ficha para poñer unha solución ao problema da limpeza nos centros educativos e nas instalacións deportivas municipais. “12 días levan de folga as traballadoras do servizo de limpeza dos centros educativos e das instalacións deportivas municipais e o Goberno de Lores non da ningún paso para arranxar a situación. É incrible”, indica Domínguez.
Domínguez ve con moita preocupación a folga indefinida no servizo de limpeza que manteñen as traballadoras de Serveo, nova empresa concesionaria, que se iniciou o pasado 3 de novembro e dende esa data o Concello de Pontevedra non está a mover ficha para poñer unha solución á folga.
O popular esixe a Lores “que se poña ao fronte da situación. El foi quen privatizou o servizo e é quen debe resolvelo. As familias non poden están preocupadas pola hixiene e a limpeza dos colexios nin valorar non levar os seus fillos ao colexio por esta falta de xestión de Lores. É inadmisible”.
O líder do PP de Pontevedra lamenta que a falta de xestión do Goberno de Lores vaia repercutir negativamente na calidade da ensinanza pública dos centros educativos de Pontevedra e na práctica do deporte, “pois se se mantén a situación tanto os colexios como as instalacións deportivas da cidade poden converterse en espazos insalubres”.
Domínguez fixo fincapé en que mentres a Xunta de Galicia avanza e consolida medidas para a mellora da educación pública, a través do reforzo do profesorado e a baixa das ratios nas aulas, Lores é incapaz de garantir algo tan básico como a limpeza dos centros educativos”.
Neste sentido, o líder do PP lembrou que o Ministerio de Educación, dependente dos socialistas, “fixo oídos xordos á petición de Galicia de habilitar un plan nacional de mellora de infraestruturas educativas, para apoiar tanto ás comunidades como aos concellos nos seus labores de mantemento e conservación”
O portavoz do PP de Pontevedra recalca que toda a responsabilidade sobre a limpeza é do Concello, que é o máximo responsable da prestación do servizo e lamenta que esta situación toque tan de cerca a un colectivo tan vulnerable como é o dos menores de idade. “Non podemos permitir que o conflito continúe engrosándose e que isto repercuta negativamente no alumnado dos centros educativos afectados”.
Rafa Domínguez considera que as solucións deben tomarse inmediatamente, sen demoras, pois ten moi presente tamén a falta de xestión do Concello de Pontevedra coa problemática da auga no CEIP Santo André de Xeve.

