O BNG será o “dique de contención” en Madrid fronte as agresións ás parroquias de Vigo como a nova A52 e a liña de alta tensión

Redacción

Rexeitará no Congreso a prolongación da autovía polos seus “graves impactos sociais e ambientais no pulmón verde de Vigo” e liberar de peaxes a AP-9 como alternativa

Continuará a esixir tamén a rectificación do trazado da liña de moi alta tensión

Roberto Pascual: “Son proxectos absolutamente lesivos para a vida da veciñanza”

Xabier P. Igrexas: “As viguesas e vigueses poden ter a confianza de que o voto que vai parar estas agresións será o do BNG”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) sitúase como “dique de contención” de cara ás Eleccións Xerais do 29N en contra de proxectos como a nova A52 e a liña de moi alta tensión polos seus “graves impactos sociais e ambientais no pulmón verde” de Vigo. A fronte nacionalista continuará a opoñerse no Congreso á prolongación da autovía e defenderá a liberación de peaxes na AP-9, ademais de esixir a rectificación do trazado da infraestrutura eléctrica que afecta a varios concellos da área.

Así o afirmaron este sábado dende a parroquia de Bembrive, unha das máis afectadas por ambos proxectos, o candidato do BNG ao Congreso, Roberto Pascual, e o portavoz municipal en Vigo, Xabier P. Igrexas. Chamaron por este motivo a contar “con máis peso en Madrid” para lograr que o Goberno español “dea marcha atrás” e estude alternativas respectuosas co medio ambiente e coa veciñanza.

Dende a fronte nacionalista insistiron no seu “non rotundo” ao proxecto de prolongación da autovía Vigo-O Porriño, defendido polo PSOE e o PP, por consideralo “innecesario”. Aseguraron que existe unha alternativa “inmediata, máis eficiente e sustentábel” que pasa pola liberación das peaxes da AP-9, que transcorre en paralelo ao trazado previsto para a nova A52. A ese respecto, chamaron a que “se faga oír nas urnas” o vindeiro 29N a ampla oposición veciñal e de colectivos ambientais contra a nova A52.

En relación á liña de moi alta tensión, o Bloque comprometeuse a continuar exercendo presión para que se rectifique o proxecto, que no caso da parroquia de Bembrive suporía a instalación de 15 torres de 55 metros de altura. “Como pode ser que en nome do progreso se pasen por alto declaracións de impacto medioambiental?”, cuestionou o candidato ao Congreso, lembrando que o Bloque xa presentou alegacións ao proxecto.

Pascual asegurou que, malia ser unha infraestrutura necesaria para a industria da cidade, deben estudarse alternativas ao trazado presentado que ofrezan garantías para a saúde das persoas e para o territorio. Destacou ademais as medidas do programa nacionalista para que este tipo de proxectos infraestruturais se tramiten coa maior transparencia e contando “si ou si” con participación social.

O voto contra estas agresións este 29N

O portavoz municipal en Vigo, Xabier P. Igrexas, afirmou que as viguesas e vigueses poden ter a “confianza” de que o voto ao Bloque nas vindeiras Eleccións Xerais será a “garantía contra estas agresións” ás parroquias da cidade e a papeleta que vai defender os intereses da veciñanza que se opoñen a estes proxectos. “Un BNG con aínda máis peso en Madrid vai ser ese dique de contención que impida que sigan avanzado estas ameazas para o noso pulmón verde”, reivindicou.

Comparte este artigo