Substituiránse os mil existentes e a maiores colocaranse outros 382. A recollida porta a porta de materia orgánica, vidro e cartón entre máis de 150 negocios de Nigrán xa está en marcha. Estas iniciativas forman parte das melloras que se esixían no novo contrato do lixo
O Concello de Nigrán, a través de Prezero, concesionaria do servizo de recollida de lixo e limpeza viaria, iniciou a montaxe de 1.461 contedores novos para instalar de aquí a finais de ano en todo o municipio. O obxectivo é substituír todos os existentes (os de desperdicio xeral, envases de plástico e metal, vidro e, por vez primeira, orgánicos) e, a maiores, engadir 382 máis en todas as fraccións. A día de hoxe están xa renovados o 100% de lixo xeral de carga traseira (225 unidades) e se están a montar os 1.236 restantes nunha parcela de Prezero na Avenida de Portugal. Adicionalmente, xa está en marcha a recollida porta a porta de materia orgánica, vidro e cartón entre máis de 150 negocios de Nigrán. Estas iniciativas forman parte das melloras que se esixían no novo contrato do lixo e suporán tamén a renovación de toda a flota de vehículos.
Unha das principais novidades será a estrea de 222 contedores de uso público de materia orgánica (70 de carga lateral e 152 de traseira). “Neste caso, para maior eficiencia, entregaremos tarxetas á veciñanza para desbloquear a apertura e garantir un bo uso”, explica o alcalde, Juan González. En total, o Concello disporá de 632 contedores de lixo xeral (un 10% máis), 172 de envases de plástico e metal (un 9% máis) e 172 de papel e cartón (un 48% máis). Para vidro mantense en 263 unidades. “E a isto hai que sumar o servizo porta a porta entre os negocios, que xa está a funcionar e supuxo repartir 250 contedores para materia orgánica e vidro, mentres que o papel se lles recolle apilado”.
Este novo contrato do lixo foi adxudicado en abril deste ano por 29,7 millóns de euros e unha duración de 10 anos (as bases estipulaban que a empresa realizase un investimento inicial de 3´4 millóns de euros para aumentar e renovar os contedores, ademais de dispor obrigatoriamente dunha flota de vehículos e maquinaria totalmente nova). Neste sentido, compre recordar que este contrato incorpora na súa cobertura os diferentes SAUs ou Porto do Molle, zonas que non figuraban no anterior por ser urbanizacións posteriores ao ano 2004, cando entrara en vigor. “O actual contrato ten visión de futuro no seu plantexamento, cubrirá todo o territorio independentemente do desenvolvemento urbanístico que experimente Nigrán nos próximos 10 anos”, destaca.

