O concello de Nigrán abre o xoves 19 de novembro a inscrición para unha excursión o sábado 28 a San Andrés de Teixido

Redacción

Ten un custe de 35 € e está dirixida a maiores de 55 anos con prioridade os empadroados no municipio

O Concello de Nigrán abre este xoves 19 de novembro a inscrición para participar o sábado 28 de novembro nunha excursión a San Andrés de Teixido (Cedeira, A Coruña). Esta será durante toda a xornada e ten un custe de 35 euros por persoa (pago con tarxeta), estando dirixida a maiores de 55 anos con prioridade empadroados. A saída será en autobús ás 8:00 horas desde a Casa Consistorial, inclúe guía e seguros, e a comida realizarase nun restaurante de Cedeira, poboación que poderán coñecer os participantes.

As persoas interesadas deben inscribirse o xoves 19 de novembro presencialmente no Centro de Maiores de Vilameán de 9:00 horas a 12:00 horas, sendo posible que cada quen inscriba só a outra a maiores. As prazas iranse cubrindo por rigorosa orde.

San Andrés de Teixido é o segundo santuario máis visitado en Galicia despois de Santiago de Compostela. Situado nun val da serra da Capelada, recibe cada ano a miles de visitantes. O seu interese parte non só polo seu templo gótico de tipo mariñeiro, senón tamén por unha paisaxe no que se alternan espectaculares postas de sol e acantilados. O santuario cristián sábese que data da Idade Media, pero este xa era un lugar vinculado aos druídas do mundo celta.

Comparte este artigo