Xisco Feijóo será o protagonista da quinta Foliada de Pereiras o vindeiro 21 de novembro

Redacción

A Asociación de Veciños Nosa Terra organiza unha xornada de música e baile tradicional que incluirá un curso de pandeireta, un concerto, unha foliada aberta e unha chocolatada gratuíta

Pereiras celebrará o vindeiro sábado 21 de novembro a quinta edición da súa Foliada, unha cita coa música e o baile tradicional galego que terá como protagonista a Xisco Feijóo.

A programación comezará ás 17.00 horas cun curso de pandeireta e baile impartido polo propio artista. A continuación, Xisco Feijóo ofrecerá un concerto que dará paso á «Foliada Aberta», na que poderá participar o público asistente.

A festa contará tamén cunha chocolatada de balde para todos os asistentes e un sorteo de agasallos. Ademais, a organización instalará unha carpa e unha cantina con diferentes propostas gastronómicas, entre as que figuran choripán, xamón asado e empanadillas. A entrada será gratuíta.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, destaca a importancia de manter vivas as tradicións populares e apoiar iniciativas veciñais que favorecen o encontro e a participación: «A música e o baile tradicional forman parte da nosa identidade colectiva. É unha satisfacción contar en Mos con iniciativas como esta, que permiten compartir as nosas tradicións entre diferentes xeracións e manter viva a cultura galega».

A iniciativa está organizada pola Asociación de Veciños Nosa Terra de Pereiras e conta coa colaboración de diferentes entidades e establecementos.

A veciñanza e todas as persoas afeccionadas á música tradicional están convidadas a participar nesta quinta edición da Foliada de Pereiras, que combinará formación, música en directo, gastronomía e participación popular.

Comparte este artigo