A Sala Valente abre ao público esta tarde a exposición “140 máis 15” Xentes de Ben, do pintor ourensán Martínez Coello

Redacción

A Sala municipal José Ángel Valente abrirá ao público esta tarde (20.00 horas) a exposición “140 máis 15” Xentes de Ben, de Miguel Ángel Martínez Coello. A mostra reúne unha selección de retratos realizados polo pintor ourensán, en técnica mixta, dedicados a persoas próximas ao autor ou relevantes na vida da cidade. Permanecerá aberta ata o 10 de xaneiro no espazo expositivo da rúa do Paseo.

Martínez Coello é un pintor e intelectual que leva expoñendo e difundindo a cultura ourensá dende o ano 1967, amplamente recoñecido pola sua traxectoria no eido artístico e social. Durante os último anos, foi creando centos de debuxos de xentes na nosa contorna que dalgún xeito formaron parte do paisaxe e do corazón da veciñanza, polas súas cualidades intelectuais ou persoais.

A proposta expositiva parte da selección de retratos en técnica mixta centrada en figuras coas que o artista mantivo vínculos de afecto ou amizade.

A mostra pódese visitar de martes a sábados de 11.00 a 13.30 e de 18.00 a 21.00 horas, e os domingos de 11.00 a 13.30 horas.

Comparte este artigo