Lola, Amparo e Julia Touza axudaron desde a clandestinidade a salvar a vida de persoas que fuxían do nazismo cara a Portugal
A estación de tren de Ourense conta desde hoxe cunha placa conmemorativa que recoñece o labor de Lola, Amparo e Julia Touza Domínguez, irmás que contribuíron desde a clandestinidade a salvar a vida de numerosas persoas que fuxían da Alemaña nazi para abandonar Europa a través de Portugal. Arriscando as súas propias vidas, converteron a cantina-quiosco da estación de tren de Ribadavia, onde traballaban, nun faro de esperanza e liberdade.
Ao acto desta mañá asistiron o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome; a concelleira de Igualdade, Noa Rouco; representantes dos grupos políticos municipais; o subdelegado do Goberno, Eladio Santos e outras autoridades; integrantes da Comisión de Seguimento da Violencia de Xénero; e os familiares das homenaxeadas Julio, Guillermo, Inés e Alexandra.
Na súa intervención, Noa Rouco destacou a «historia de valentía e solidariedade protagonizada por estas tres mulleres», que actuaron «sen buscar protagonismo, sen esperar nada a cambio e sen imaxinar que, décadas despois, estariamos aquí lembrando a súa historia».
A concelleira subliñou que o exemplo das irmás Touza representa «valores como a valentía, a solidariedade e o compromiso coa dignidade humana» e precisou que, desde a súa contorna vinculada á estación ferroviaria de Ribadavia, participaron durante a Segunda Guerra Mundial nunha rede clandestina que facilitou a fuxida de refuxiados, moitos deles xudeus, cara a Portugal.
Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres
A colocación da placa forma parte da programación de actividades organizada polo Concello de Ourense con motivo do 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Para a súa instalación, o Concello e o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) asinaron un acordo de colaboración para a cesión gratuíta do espazo na estación de Ourense onde se coloca a placa.
Rouco sinalou que este recoñecemento ten un significado especial no marco do 25 de novembro porque «avanzar en igualdade tamén significa revisar como contamos a nosa historia, a quen lle demos visibilidade e que referentes lles estamos a transmitir ás xeracións vindeiras».
Rueiro feminino
Esta iniciativa encádrase tamén na feminización do rueiro que vén desenvolvendo o Concello, segundo detallou a concelleira: «a presenza de mulleres nos nomes das nosas rúas, prazas e espazos públicos segue sendo moi inferior á de homes. Durante séculos moitas mulleres non recibiron o recoñecemento que merecían».
Así, sinalou, «co Rueiro Feminino queremos corrixir esa desigualdade histórica, recuperar os seus nomes e darlles a visibilidade que merecen, porque non se trata unicamente de colocar placas, senón de que as novas xeracións coñezan quen foron estas mulleres e por que forman parte da nosa historia».

