A alcaldesa de Ribeira solicitou durante a xuntanza de traballo co presidente da Deputación o acondicionamento de varias infraestruturas
Tamén se reafirmou o compromiso coa vía que conecta co novo polígono industrial
A alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, mantivo hoxe un encontro de traballo co presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, na que se avaliaron as últimas actuacións executadas pola institución provincial no municipio ao abeiro do Plan de Obras e Servizos, ademais doutras accións necesarias a realizar en materia de mellora de infraestruturas. Sampedro trasladou, entre outras cuestións, a necesidade de intervir na DP-7303, na parroquia de Oleiros, coa instalación dunha rede de pluviais e ampliación da vía; un proxecto que se actualizará e implantará en varias fases.
Así mesmo, abordouse a implantación de medidas de calmado de tráfico en zonas escolares como a contorna do IES Leliadoura ou na estrada que une Castiñeiras con Aguiño; ademais de estudar propostas de mellor de instalacións deportivas. Tamén se ratificou o compromiso coa vía que conecta co novo polígono industrial. A rexedora destacou a importancia da colaboración institucional para impulsar proxectos beneficiosos na mellora do día a día da cidadanía como sucede, por exemplo, co importe que destina o Concello de Ribeira a través do POS a saneamentos, abastecementos e pavimentacións. “As persoas deben estar sempre no centro das políticas, independentemente dos partidos que ostenten o mando nas diferentes administracións. Este goberno sempre traballará man a man coas diferentes institucións na procura do progreso de Ribeira”, enxalzou a mandataria local.
Posteriormente, desprazáronse ata a DP-7304, na parroquia de Artes, para comprobar a pavimentación realizada nesta estrada na procura da mellora da seguridade viaria na zona.

