O Concello de Neda licita as obras de construción da nova pasarela sobre o río Belelle entre a ribeira de Santa María e os Subarreiros. A nova ponte peonil contará cunha estrutura principal composta por perfís de aceiro, e permitirá recuperar o itinerario, interrompido en maio do 2024 cando colapsou, por mor do agravamento das eivas estruturais que padecía, o antigo paso de madeira.
A administración local saca a contratación os traballos por un importe máximo de 199.959 euros. O proxecto, cofinanciado pola Deputación da Coruña, volverá conectar as dúas beiras do río, facilitando que as persoas que utilizan o paseo marítimo poidan chegar ata o centro urbano sen ter que desviarse cara a igrexa de Santa María.
Segundo adiantara o goberno local, as obras incluirán tanto a execución da nova ponte que, sobre a base metálica, levará a tarima formada por táboas de madeira rañurada de alta durabilidade e a correspondente varanda perimetral, como a posta a punto da senda de madeira próxima.
Así, procederase á retirada e reposición dos tramos en mal estado da pasarela que permite pasear sobre a xunqueira e chegar ao miradoiro situado fronte á ribeira de San Nicolás. Substituiranse táboas deterioradas, colocaranse novos rastreis de apoio e aplicaranse tratamentos protectores superficiais, co obxectivo de previr eventuais fallos na estrutura do paseo.
As empresas interesadas en facerse cos traballos terán ata o 20 de outubro para presentar as correspondentes ofertas. Os pregos están dispoñibles no perfil do Concello de Neda na plataforma de contratación do Sector Público.
Neda saca a contratación as obras de reposición da pasarela do Belelle nos Subarreiros

