Marta Álvarez reclama un novo contrato para o SAF ante a situación “insostible” das traballadoras

Redacción

O grupo das concelleiras Non Adscritas reclama ao goberno local que audite á concesionaria actual polos graves incumprimentos salariais e as eivas na cobertura das baixas de persoal.

As concelleiras Non Adscritas esixiron este venres ao goberno local a apertura inmediata dos trámites para a redacción dos novos pregos e a convocatoria dunha nova licitación para renovar o contrato do Servizo de Axuda no Fogar (SAF). O grupo liderado por Mercedes Rosón cualifica de “insostible” a situación que atravesa este servizo esencial e urxe a “deixar de poñer parches” a un problema estrutural que prexudica “directamente tanto ás traballadoras como aos usuarios de Santiago”.

A concelleira Marta Álvarez denunciou a desprotección do persoal, sinalando que as traballadoras se atopan nun escenario de “total incerteza polos incumprimentos salariais, sen cobrar a paga extra de verán”. A edil non adscrita criticou que o goberno local asista de brazos cruzados a este conflito mentres os usuarios e as súas familias “ven como o servizo perde calidade polo recorte da fisioterapia ou as fins de semana sen substitucións de persoal”.

Ante esta deriva, o grupo das Non Adscritas reclama ao executivo de Santiago que reaccione e redacte xa os novos pregos para evitar que o contrato siga prorrogándose de xeito precario. De feito o contrato vixente finalizou no pasado mes de xuño e foi prorrogado ata o 31 de outubro. Porén, piden non esgotar o máximo de prórroga que permite o contrato (ata dous anos) e iniciar sen demoras os trámites para unha nova licitación.

“O concello non se pode permitir levar ao límite os prazos de prórroga contemplados nos pregos, porque xa sabemos os riscos que isto pode supoñer como ocorreu coa licitación dos centros socioculturais” lembrou Álvarez, en referencia a crise vivida nos centros tras o abandono da adxudicataria do novo servizo e que provocou o peche dos centros socioculturais durante varias semanas.

Finalmente, a concelleira non adscrita esixiu “máxima transparencia coas traballadoras”, lembrando que estas teñen todo o dereito a saber en que punto está o seu futuro laboral e que medidas directas vai tomar o Concello para auditar este contrato. “Menos parches e máis xestión: o SAF non pode aguantar nin un día máis nestas condicións”, concluíu Álvarez.

Comparte este artigo