O PSdeG denuncia o atraso no estudo das máis de 6.000 vivendas baleiras e esixe explicacións ao Goberno de Sanmartín

Redacción

O Grupo Municipal Socialista preguntará no Pleno polo estado dunha actuación incluída no plan de medidas da zona tensionada e que considera fundamental para aumentar a oferta de vivenda en Santiago.

Marta Abal advirte de que a emerxencia habitacional esixe actuar con máis axilidade e mobilizar todos os recursos dispoñibles para ofrecer solucións á cidadanía.

A concelleira socialista Marta Abal reclamou ao Goberno de Goretti Sanmartín explicacións polo atraso no estudo municipal das vivendas baleiras e anunciou que o Grupo Municipal Socialista preguntará no Pleno deste mes polo estado dunha actuación prevista para este ano no plan de medidas da declaración de zona de mercado residencial tensionado, que considera clave para incrementar a oferta de vivenda en Santiago.

Marta Abal advertiu de que “o acceso á vivenda é hoxe unha das principais preocupacións da veciñanza de Santiago” e, “moi especialmente, da xente moza”, que ve como as dificultades para atopar unha vivenda a un prezo asequible “condicionan e atrasan os seus proxectos de vida”, unha realidade que, ao seu xuízo, require unha resposta moito máis decidida por parte do Goberno municipal.

A concelleira socialista lembrou que esta cuestión é “unha das grandes prioridades do Grupo Municipal Socialista” e asegurou que levan tempo reclamándolle ao executivo local “que poña en marcha todas as medidas ao seu alcance para incrementar a oferta de vivenda”. Entre elas, destacou “a mobilización da vivenda baleira”, que definiu como “un recurso que non podemos permitirnos desaproveitar”.
Abal explicou que a memoria para a declaración de Santiago como zona de mercado residencial tensionado estima, a partir dos datos do INE, que existen “máis de 6.000 vivendas baleiras” no municipio. Ademais, lembrou que o propio documento considera este parque residencial “unha oportunidade para ampliar a oferta residencial a curto prazo”, aínda que advertiu de que para conseguilo “é imprescindible coñecer con precisión onde se atopan esas vivendas e cales son as súas características”, motivo polo que o plan de medidas correctoras aprobado polo Goberno municipal contempla para este 2026 a elaboración dun estudo específico.

Porén, denunciou que “a día de hoxe, non dispoñemos de información sobre este asunto”, polo que avanzou que o Grupo Municipal Socialista preguntará no Pleno “cal é o estado actual deste estudo e cando coñeceremos resultados”, ao considerar que a cidadanía merece coñecer o grao de cumprimento dunha das medidas previstas para afrontar a crise da vivenda.

Para rematar, Marta Abal advertiu de que “a situación de emerxencia habitacional que vivimos require mobilizar todos os recursos dispoñibles”, actuar “con axilidade e dilixencia” e demostrar “unha clara vontade política para ofrecer solucións á cidadanía”.

Comparte este artigo