Os cinco servizos de atención diúrna permanecerán pechados durante o mes de agosto, agás o centro de Fingoi, que suspenderá a actividade entre o 10 e o 31 de agosto. Todos retomarán a atención o 1 de setembro.
Os servizos de atención diúrna de COGAMI pecharán as súas portas durante o mes de agosto con motivo do período vacacional. O centro de Fingoi (Lugo) fará a pausa entre o 10 e o 31 de agosto, mentres que os de Ferrol, Mos, Monteporreiro (Pontevedra) e Medelo (Silleda) permanecerán pechados durante todo o mes. A actividade retomarase de maneira habitual o 1 de setembro.
Ao longo do ano, estes cinco servizos ofrecen apoios especializados a 138 persoas con discapacidade (12 en Ferrol, 35 en Fingoi, 30 en Medelo, 41 en Mos e 20 en Monteporreiro), promovendo a súa autonomía persoal, participación social e calidade de vida mediante unha atención individualizada adaptada ás necesidades e preferencias de cada persoa.
A intervención desenvólvese seguindo a metodoloxía de Atención Integral Centrada na Persoa (AICP), que sitúa a cada persoa como protagonista do seu proxecto de vida e garante o seu dereito a decidir sobre os apoios que recibe. Un equipo multidisciplinar formado por 71 profesionais (7 en Ferrol, 24 en Fingoi, 14 en Medelo, 17 en Mos e 9 en Monteporreiro) deseña e acompaña os plans individualizados de atención en coordinación coas familias e coa contorna.
Os centros de atención diúrna ofrecen programas de rehabilitación, estimulación cognitiva, formación, promoción da autonomía persoal, actividades deportivas, culturais e de lecer, ademais de servizos como transporte adaptado e comedor (salvo en Ferrol), que favorecen a inclusión e a participación activa na comunidade.
Neste servizo de COGAMI apóstase por un modelo de contacto coa contorna, a través de saídas, viaxes e actividades comunitarias como parte do proceso de desenvolvemento persoal. A estabilidade achegada polo concerto social permitiu reforzar este modelo e garantir a continuidade duns apoios centrados nas persoas.
Os cinco centros de atención diúrna ofrecen prazas de atención terapéutica e ocupacional que poden ser concertadas coas administracións públicas e privadas. Para acceder a estes recursos é necesario dispoñer do certificado de discapacidade e/ou da valoración de dependencia emitida pola Xunta de Galicia e cumprir os requisitos establecidos para o acceso ao servizo.

