Concello de Santiago e Xunta dan un paso máis para impulsar a correcta separación de residuos

Redacción

A actuación desenvolverase no Restollal e no Castiñeiriño mediante un proxecto piloto orientado a aumentar a participación cidadá e favorecer a correcta separación de residuos. Inclúe o peche progresivo de ao redor de 55 contedores de fracción resto para impulsar o uso dos contedores específicos. A iniciativa irá acompañada da campaña “Cada cousa non seu sitio”, desenvolvida en colaboración con Ecoembes, con accións informativas, de acompañamento e reforzo ata final de ano. O concelleiro de Sustentabilidade Ambiental e Servizos Básicos, Xesús Domínguez, mantivo un encontro coa representación veciñal das asociacións de Pontepedriña (Sandra Prego e Pontepedriña) e do Castiñeiriño para explicar a iniciativa.

Concello de Santiago de Compostela, Xunta e Ecoembes, a organización que impulsa a transición cara á economía circular no ámbito dos envases, apoiando as empresas e ao conxunto da sociedade, poñen en marcha unha nova iniciativa para impulsar a correcta separación de residuos na cidade, co desenvolvemento dun proxecto piloto de alta achega nas zonas do Restollal e Castiñeiriño.

A actuación contempla o peche progresivo, ao longo do mes de xullo, das tapas de ao redor de 55 contedores de fracción resto (grises). Con esta medida, búscase favorecer unha mellor separación en orixe, impulsando o uso dos contedores específicos e contribuíndo a aumentar a achega de envases no contedor amarelo, á vez que se mellora a calidade dos residuos recolleitos.

Esta iniciativa forma parte do traballo conxunto que Concello, Xunta a e Ecoembes veñen desenvolvendo para seguir avanzando na recollida selectiva e facilitar cambios reais nos hábitos de reciclaxe da cidadanía, contribuíndo a construír un sistema máis eficiente e adaptado ás necesidades do territorio.

Un proxecto piloto baseado na proximidade coa cidadanía

Para facilitar a adaptación da cidadanía ao novo sistema, o proxecto apóiase na campaña “Cada cousa non seu sitio”, unha iniciativa que se desenvolverá entre os meses de xullo e decembro e que pon o foco na información clara, o acompañamento directo e o reforzo de hábitos ao longo do tempo.

Nunha primeira fase, durante o mes de xullo, a iniciativa centrarase en explicar á veciñanza o funcionamento do novo sistema e os seus beneficios, antes da implantación do proxecto in situ. Para iso, realizaranse envíos postais a vivendas e asociacións veciñais cunha carta do Concello, material didáctico sobre o uso dos contedores e a tarxeta necesaria para a apertura dos contedores grises, alén da instalación de espazos publicitarios e cartelería en zonas de alta visibilidade e a difusión dun vídeo explicativo dirixido aos colectivos do barrio.

Tras este primeiro momento, a partir de setembro, desenvolverase unha segunda fase orientada a acompañar á cidadanía durante a implantación, resolvendo dúbidas e facilitando unha correcta adaptación. Neste período levaranse a cabo accións a pé de contedor con educadores ambientais nos horarios habituais de depósito de residuos, talleres con colectivos veciñais, instalación de adhesivos informativos nos contedores e accións de sensibilización nos barrios a través de puntos informativos. Ademais, reforzarase a comunicación mediante contidos dixitais e vídeos con testemuños de veciños que permitan evidenciar o cambio positivo.

Para rematar, entre os meses de outubro e decembro, o proxecto entrará nunha fase de reforzo e consolidación dos hábitos adquiridos, con accións periódicas nas áreas de contedores para seguir acompañando á cidadanía, a realización de enquisas de seguimento para coñecer a súa percepción sobre o sistema e a celebración de xornadas participativas baixo o nome “Día do Barrio Sostible”. Este proceso culminará coa elaboración dun informe final e un vídeo resumen que recollerán o desenvolvemento da iniciativa e os seus principais resultados.

Cara un modelo máis eficiente e de maior calidade

Con este proxecto, Santiago de Compostela avanza cara a un modelo no que se busca incrementar a cantidade de residuos reciclados, alén de mellorar a súa calidade, un aspecto clave para garantir a eficiencia do sistema e avanzar cara aos obxectivos de economía circular.

A experiencia permitirá avaliar o impacto deste tipo de solucións na contorna urbana e sentar as bases para a súa posible extensión a outras zonas, reforzando así o compromiso conxunto de administracións e cidadanía coa reciclaxe.

Reunión coa veciñanza

O concelleiro de Servizos Básicos e Sustentabilidade, Xesús Domínguez, acompañado da directora de área, Rocío Montañés, reuniuse coa representación veciñal das asociacións de Pontepedriña (Sandra Prego e Pontepedriña) e do Castiñeiriño en días pasados para explicar esta iniciativa antes de poñela en marcha.

Comparte este artigo