O Concello aproba o pagamento ao Consorcio de máis de medio millón, última cantidade correspondente á construción da Plataforma Loxística

Redacción

A voceira do goberno municipal, Míriam Louzao, deu conta en rolda de prensa dos principais asuntos tratados hoxe en Xunta de Goberno, entre os que salientou tamén a convocatoria dos V Premios á Excelencia Empresarial Axenda Urbana 2030, e a contratación das obras para rehabilitar os firmes da rúa do Agro dos Mozos e da Ponte de San Lázaro e mellora o pavimento da vía Edison.

O Concello de Santiago aprobou este luns en Xunta de Goberno o pagamento ao Consorcio da Cidade de Santiago da última cantidade correspondente ao convenio mediante o cal este organismo executou as obras de construción do centro loxístico de distribución de mercadorías para a Cidade Histórica, coñecido como Plataforma Loxística.

Esta última certificación ten un importe 507.353,29 euros dun total de 4.598.000 (IVE incluído). Míriam Louzao lembrou que o proxecto conta cunha subvención dentro do programa de axudas a concellos para a implantación de zonas de baixas emisións e a transformación dixital e sostible do transporte urbano do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, no marco do Plan de Recuperación que foi concedida o 17 de febreiro de 2022. A axuda asignada foi de 3.913.920,00 €, procedentes de fondos europeos, sobre un gasto inicialmente previsto de 4.348.800,00 € mais IVE.

En virtude do convenio asinado o 9 de xaneiro de 2023 polo Concello, o Consorcio e Mercasa (Sociedad de Mercados Centrales de Abastecimiento, SA), o Consorcio da Cidade asumiu a construción do centro, para cuxa execución contou, mediante un encargo a medio propio, coa empresa estatal TRAGSA.

Os terreos en que se sitúa, case 40.000 m2, ao carón de Mercagalicia, obtivéronse en desenvolvemento dun Plan especial de infraestruturas e dotacións no sistema xeral SU-3 Tambre Norte, que quedou aprobado definitivamente o 11 de outubro de 2023.

“A proposta de crear un centro loxístico de distribución de mercadorías ten a súa orixe en varios documentos estratéxicos, como o plan plurianual do Real Padroado, a Axenda 2030 ou o Plan de mobilidade sostible, e o obxectivo de diminuír na Cidade Histórica as consecuencias negativas na calidade ambiental, no uso das rúas e prazas e no patrimonio da alta presenza de vehículos de distribución”, indicou a portavoz municipal.

O centro funcionará como un nodo de recepción de cargas para, coa mestura necesaria, para seren repartidas nos puntos de destino finais, inicialmente negocios de hostalaría e alimentación, con vehículos de cero emisións e de tamaño e peso reducidos.

Louzao sinalou tamén que, paralelamente, o Concello encargouse das obras de urbanización dos accesos exteriores, non incluídas no acordo co Consorcio, que teñen un orzamento de 629.181,26 euros, e que tal como prevía o convenio asinado en 2023, Mercagalia vaise encargar da xestión desta infraestrutura mediante unha concesión demanial do Concello. Esta empresa, na que o propio concello é maioría, formada tamén por Mercasa, poderá establecer sinerxías coas súa actividade actual. O prazo para xustificar a subvención remata o 30 de setembro.

Premios á Excelencia Empresarial

A Xunta de Goberno aprobou tamén as bases e a convocatoria para este ano da V edición dos Premios á Excelencia Empresarial Axenda Urbana 2030, así como o gasto correspondente por importe total de 42.000 euros.

A voceira do goberno municipal sinalou que “o obxecto destes premios é recoñecer as boas prácticas no campo da conciliación laboral e familiar, da economía circular, da innovación, da comercialización en produtos e servizos culturais, dos retos da Axenda Urbana 2030, da economía social e da retención e atracción de talento” e que van dirixidos a todas as empresas que teñan a súa sede social fiscal e, cando menos, un centro de actividade no territorio municipal, baixo calquera forma xurídica e en calquera campo de actividade.

Establécense varias categorías e as empresas que queiran ser candidatas deben presentar unha memoria para cada unha das categorías ás que concorran, alén do formulario e declaracións responsables necesarias para calquera premio ou subvención, tal como se indica nas bases.

O prazo para presentarse é de 20 días hábiles, contados dende o seguinte ao da publicación do extracto das bases no BOP da Coruña.

O procedemento resolverase antes do 29 de outubro deste ano e os premios serán anunciados con anterioridade á celebración do acto público ao que se invitará a todas as empresas candidatas.

Cada categoría contará cun premio por importe de 6.000 euros, o que resultará un total de 36.000 euros en premios. Haberá, tamén, tres mencións por importe de 2.000 euros, o que fai un total de 6.000 euros en mencións.

As bases estarán publicadas na páxina web do Concello de Santiago de Compostela, na páxina web do CERSIA e na Base de Datos Nacional de Subvencións (BDNS) desde a que se envía a publicación do anuncio ao BOP.

Contratos de obras

A Xunta de Goberno ordinaria deste luns deu conta tamén de dous decretos dous contratos de obras. Un deles para a rehabilitación dos firmes na rúa do Agro dos Mozos e da Ponte de San Lázaro, que foi adxudicada a Obras y Viales de Galicia por un importe de 47.500,00 euros (IVE incluído). O outro, adxudicado a F. Gómez y CIA SL, para a mellora do pavimento na vía Edison ten dous meses de prazo para executarse e un orzamento de 47.813,15 euros (IVE incluído).

Seguro de accidentes para empregados municipais

Aprobouse tamén o expediente para a contratación de pólizas de seguro de accidentes dos empregados municipais a través da Central de Contratación da FEMP, cun importe máximo autorizado de 22.210,84 euros.

A póliza do seguro de accidentes resultado deste contrato deberá cubrir o facelecemento, a invalidez permanente total e absolta, a gran invalidez e a invalidez parcial, cun capital asegurado en cada unha destas categorías de 40.000 euros.

Iníciase agora o procedemento negociado de adxudicación para o que se invitan tres das entidades aseguradoras que fornece o acordo marco da FEMP: SURNE Mutua de Seguros y Reaseguros a Prima Fija, Markel Insurance SE Sucursal en España e AIG Europe SA Sucursal en España.

Sentenza e licenzas

Entre as sentenzas das que deu conta a Xunta de Goberno nesta sesión, está a ditada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) a respecto dun recurso formulado polo antigo interventor do Concello, Juan Ramón Carnero, contra a primeira sentenza do Xulgado do Contencioso número 2 de Vigo.

Míriam Louzao informou de que a sentenza do TSXG acepta parcialmente o recurso do antigo interventor e declara nulas as resolucións recorridas, isto é, a resolución municipal que denegaba a prórroga e a resolución xudicial de primeira instancia que a confirmaba totalmente. O que determina esta sentenza é que se retrotraia o procedemento para incorporar o informe da xefatura do departamento de recursos humanos e que se emita a seguir unha nova resolución.

“Imos, pois, cumprir co que sentenciou o TSXG e incorporar o informe que considera preceptivo para, consecuentemente, emitir unha nova resolución”, apuntou a portavoz local, e engadiu que o Concello ditou unha resolución denegando unha prórroga na xubilación baseándose en varios informes que motivan que o perfil que o Concello necesitaba, dentro dun proceso imprescindible de dixitalización esixido polas leis, non o o cubría a persoa que viña ocupando o posto e que xa chegara á súa idade legal de xubilación, cun ano de prórroga inclusive.

Ademais, na sesión deste luns outorgáronse dúas licenzas para a construción de dúas naves comerciais sen actividade na rúa de Castela e León, 25, e na rúa de Polonia, 43.

Publicidade institucional

Igualmente, Míriam Louzao informou dos asuntos aprobados na Xunta de Goberno Local extraordinaria do pasado xoves 25, en concreto, a convocatoria das bolsas para sufragar gastos relacionados con medidas terapéuticas, que presentou xa a concelleira de Benestar Social, e unha licitación para a publicidade institucional en medios de comunicación das festas do Apóstolo.

A voceira destacou que é a primeira vez que se recorre a un concurso aberto para este tipo de gastos, que se viñeron resolvendo sempre mediante contratos menores. “Esta é a fórmula correcta, o concurso público, e na liña de regularizar os procedementos contractuais que se está a seguir, tanto dos grandes como dos pequenos contratos, chegoulle a vez á publicidade”, engadiu, e agradeceu o esforzo do persoal implicado.

Esta licitación ten un orzamento de 90.188,56 euros (IVE incluído) e está xa aberta na Plataforma de Contratos do Sector Público.

Comparte este artigo