Da man de SEO/BirdLife, a actividade realizarase o domingo 9 de marzo nun dos mellores lugares de Galicia para a invernada de aves acuáticas
A Deputación de Pontevedra abre este luns 24 de febreiro o prazo para participar na ruta do programa Voando nas Rías Baixas que terá lugar o domingo 9 de marzo na costa sur da Ría de Arousa, nun tramo que corresponde cos concellos de Cambados e Vilanova de Arousa. En colaboración de novo coa asociación SEO/BirdLife, esta será a segunda das sete rutas ornitolóxicas organizadas durante o ano para sensibilizar a poboación sobre os recursos culturais e naturais da provincia de Pontevedra e a importancia de conservar o medio natural.
A ría de Arousa é un dos mellores lugares de Galicia para a invernada de aves acuáticas, por iso nesta actividade se visitará parte do seu tramo sur para observar as grandes poboacións de corvo mariño grande que alí invernan. As persoas participantes tamén poderán observar gaivotas comúns, virapedras comúns, mazaricos, pilros, gaivotas de cabeza negra, choronas, garzas, algún mourelo e ata algunha mobella grande.
A Deputación oferta 25 prazas por actividade, e a persoa solicitante poderá inscribirse xunto con tres acompañantes máis. O percorrido, guiado por dúas guías de ornitoloxía de SEO/BirdLife, inclúe un autobús tanto para o desprazamento coma para a visita da zona na que ten lugar a actividade, e recoméndase levar roupa cómoda e calzado apropiado. Cada participante terá á súa disposición unha guía de aves, prismáticos e dous telescopios terrestres de alta gama para poder gozar das aves sen molestalas.
O calendario de actividades de Voando nas Rías Baixas en 2025 continúa coa ruta das Brañas de Xestoso (Forcarei e Silleda), o 25 de maio, e a ruta da praia da Lanzada (O Grove e Sanxenxo) o 22 de xuño. Posteriormente o 28 de setembro celebrarase a ruta dos campos e lagoas de Rouxique (Sanxenxo), que irá seguida da do esteiro do río Lérez e a Intermareal Combarro-Lourido (Poio e Pontevedra), o 9 de novembro, e en último lugar a ruta da enseada de San Simón (Pontevedra, Soutomaior e Vilaboa), pechando o calendario da edición o 14 de decembro.