A Deputación abre mañá o prazo para inscribirse nas actividades das Reservas da Biosfera

Redacción

– A programación deste terceiro trimestre do ano ofrece un total de 12 propostas con 190 prazas para todos os públicos, e terá lugar do 16 de agosto ao 3 de outubro nas Reservas da Biosfera en Terras do Miño e Os Ancares Lucenses

A Deputación de Lugo abre mañá luns, día 22 de xuño a partir das 8 da mañá, o prazo para que todas as persoas interesadas poidan inscribirse na nova programación de actividades gratuítas e de lecer que organiza a institución provincial para este terceiro trimestre do ano. O calendario inclúe 12 propostas que tratan de fomentar o lecer saudable e a educación ambiental nas Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, xestionadas pola propia Deputación. A programación estenderase dende o 16 de agosto ata o 3 de outubro e inclúe un total de 190 prazas para toda a veciñanza.

Actividades na Reserva Terras do Miño

As actividades na Reserva Terras do Miño iniciaranse a semana do 31 de agosto ao 4 de setembro co obradoiro Rematando o verán, en horario de mañá, de 10:00 a 14:00 horas. Hai un total de 15 prazas e está dirixido a nenos e nenas.

A seguinte semana, do 7 ao 11 de setembro terá lugar o obradoiro Reciclaxe práctico para a vida cotiá, para adultos, en horario de 10:00 a 14:00 horas, con 15 prazas dispoñibles.

Do 14 ao 18 de setembro celebrarase o obradoiro Baños de Bosque, de 16:00 a 18:00 horas, con 15 prazas para adultos. A semana do 28 de setembro ao 2 de outubro, desenvolverase a actividade Ferramentas Dixitais para un Futuro Sostible, en horario de 10:00 a 14:00 horas. Nesa mesma semana, os días 28,29 e 30 de setembro, organízase o obradoiro Coñecer Os Anfibios: Especies, costumes e onde atopalo para adultos, de 16:00 a 19:00 horas, con 10 prazas.

No mes de outubro tamén, os días 1, 2 e 3 celebrarase o obradoiro de Iniciación na Gravación de Anfibios, para adultos, de 16:00 a 19:00 horas, con 10 prazas. Todas as actividades celebraranse no Centro de Interpretación de Terras do Miño.

Actividades na Reserva Os Ancares Lucenses

As actividades na Reserva da Biosfera Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá darán comezo o 16 de agosto en Becerreá cunha Xornada de Cántigas e Baile Tradicional en Quintá de Cancelada, de 12:00 a 14:00 horas, destinado a adultos e con 30 prazas dispoñibles. Tamén, no Centro Social deste municipio desenvolverase os días 7 e 8 de setembro un Obradoiro de Elaboración de Xabón Artesanal, de 16:00 a 20:00 horas, e que contará con 20 prazas para adultos. 

En Navia de Suarna, para nenos e nenas de 4 a 12 anos, organizarase en Vilor na parroquia de Vallo, o obradoiro Aprende a moverte pola Montaña os días 29 e 30 de agosto, en horario de mañá, de 10:00 a 14:00 horas. Na Escola naviega de Barcia, o día 24 de setembro, desenvolverase un taller de cociña tradicional, en horario de 17:00 a 20:00 horas, para 15 adultos.

E, finalmente en Cervantes, o 6 de agosto terá lugar a marcha con observación do ceo nocturno na contorna do Castelo de Doiras: A Fortaleza das Estrelas, dirixida a persoas de 12 anos ou máis e 20 prazas dispoñibles. O horario da actividade será de 19:00 horas a 00:30 horas. Ademais, os días 11,18 e 25 de setembro no Centro de Desenvolvemento Rural Ancares, situado en San Román de Cervantes, desenvolverase o obradoiro de Restauración de Mobles, en horario de 16:00 horas a 20:00 horas, con 10 prazas para adultos dispoñibles.

Como inscribirse

As persoas interesadas deberán anotarse a través das canles dispoñibles. No caso de Terras do Miño, poden apuntarse nos teléfono 982.305.930 ou 982.227.812, o no correo electrónico und.medioambiente@deputacionlugo.org e na web: http://inscricions.deputacionlugo.org/gl/tema/actividades-medioambientais. As persoas que desexen participar no programa dos Ancares Lucenses, poden anotarse a través do correo ancareslucenses@deputacionlugo.org e do teléfonos 982.227.813.

Comparte este artigo