O prazo para presentar solicitudes estará aberto durante un mes e permitirá aos concellos levar a cabo actuacións que modernicen o territorio, contribúan a fixar poboación e senten as bases dun crecemento sostible e equilibrado
A Deputación de Pontevedra abre este luns 6 de outubro o prazo para que os concellos presenten as súas solicitudes ao segundo Plan Extra, dotado de 35 millóns de euros para executar proxectos estratéxicos que posibiliten a modernización do territorio, contribúan a atraer e fixar poboación e senten as bases dun crecemento sostible e equilibrado. Deste xeito, con estes recursos provinciais os concellos poderán facer fronte ao impulso de novas infraestruturas ou equipamentos públicos ou a rehabilitación dos xa existentes, a intervencións en espazos públicos urbanos ou naturais, así como a actuacións que fomenten a recollida separada de biorresiduos de orixe doméstica.
O segundo Plan Extra forma parte do paquete de plans de investimento posto en marcha polo executivo provincial, e dotado coa cifra histórica de 128 millóns de euros que recibirán todos os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. Ademais do Plan Provincia Extraordinaria – Plan Extra, tamén repite o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas (con 8 millóns de euros, ao igual que na súa segunda convocatoria) e mais o Plan +Provincia, que acada a cifra récord de 50 millóns de euros e que adiantará o acceso á liña 1 de investimentos correspondente á anualidade do ano 2027, dotado de 35 millóns de euros. Esta reedición do Plan Extra obedece ao número de solicitudes recibidas polo equipo de goberno provincial, así como á necesidade de executar obras que faciliten a transformación do territorio e a prestación harmónica dos servizos públicos por parte dos concellos.
Ao abeiro do Plan Extra financiaranse proxectos estratéxicos locais, considerados como tales os investimentos que sexan fundamentais ou decisivos para a mellora, desenvolvemento ou modernización dos servizos; os que supoñan unha mellora relevante en canto ao equilibrio territorial na prestación dos servizos; aqueles que teñan unha repercusión relevante na prestación de servizos no ámbito superior ao municipal; os que estean previstos nun plan estratéxico ou nun documento de planificación; aqueles con transcendencia en sectores estratéxicos de ámbito local, supramunicipal ou comarcal que incentiven o desenvolvemento do territorio; os que redunden na capacidade do territorio para atraer e fixar poboación, e, por último, os que teñan un compoñente vertebrador dos territorios e para fomentar a igualdade de oportunidades entre o rural e urbano.
Cada concello só poderá presentar un proxecto e, en función da súa poboación recibirá entre 0,5 e 1,1 millóns de euros. Os que teñan menos de 5.000 habitantes recibirán ata 500.000 euros, que servirán para financiar ata o 85% do orzamento da actuación. No caso dos concellos de entre 5.001 e 10.000 habitantes recibirán un máximo de 700.000 para financiar o 80% do custo, os de 10.001 a 20.000 habitantes ata 900.000 euros para financiar o 75% do importe total; e os de máis de 20.000 habitantes poderán recibir ata 1,1 millóns de euros para facer fronte ao 70% do investimento global. A porcentaxe restante deberaa achegar o concello con fondos propios ou con recursos doutros plans da Deputación, entre eles especificamente o Plan +Provincia, ou doutra administración.
O prazo de presentación das solicitudes é dun mes e as bases poden consultarse no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra. Ademais, os investimentos deberán estar executados na súa totalidade o 31 de decembro de 2027 e as axudas son compatibles con outras subvencións, polo que os concellos poderán contar con achegas doutras administracións sen que a contía do organismo provincial se vexa reducida.



