A Deputación de Ourense impulsa unha xornada para achegar aos concellos as oportunidades das comunidades enerxéticas e da mobilidade eléctrica

Redacción
XORNADA MUNICIPAL SOBRE COMUNIDADES CIDADÁS DE ENERXÍA E MOBILIDADE ELÉCTRICA O presidente provincial, Luis Menor, inaugura a Xornada Municipal sobre Comunidades Cidadás de Enerxía e Mobilidade Eléctrica, no Centro Cultural Marcos Valcárcel. Tamén participan Nerea López Esteve (Responsable de comunidades Enerxéticas COX), Carlos Sánchez Sanz (Customer Experience & MECA Senior Manager KIA), Luis Miugel González Romero (Alcalde de Jaraiz de la Vera (Cáceres), Xosé Miguel Pérez Blecua (Alcalde de San Xoan de Rio), Fabián Pérez Juste (Director Xeral COX Clientes España) e Pablo Fernández Vila (Director Xeral de Planificación Enerxética e Minas da Xunta de Galicia).

Luis Menor destaca que “o rural non pode chegar tarde á transformación enerxética e ten capacidade para liderar este cambio”

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, inaugurou esta mañá no Centro Cultural Marcos Valcárcel a Xornada Municipal sobre Comunidades Cidadás de Enerxía e Mobilidade Eléctrica, unha iniciativa dirixida aos concellos da provincia co obxectivo de dar a coñecer ferramentas, experiencias e solucións prácticas para avanzar cara a un modelo enerxético máis sostible e eficiente.

No acto de apertura, Luis Menor agradeceu a ampla participación dos representantes municipais e subliñou que esta xornada responde á vontade da institución provincial de acompañar aos concellos nun proceso de transformación que “vai moito máis alá dunha cuestión tecnolóxica, xa que representa unha oportunidade para mellorar os servizos públicos, reducir custos e reforzar a competitividade dos municipios”.

O presidente provincial incidiu en que Ourense conta con importantes fortalezas para afrontar este reto, destacando a capacidade de xeración enerxética, os recursos naturais, o talento e a implicación das administracións locais. “Se hai un territorio preparado para liderar esta transformación é precisamente o noso”, afirmou.

Menor defendeu que o rural debe desempeñar un papel protagonista na transición enerxética, apostando por modelos que permitan aproveitar as oportunidades que ofrecen as comunidades enerxéticas, o autoconsumo compartido e a mobilidade sostible. Neste sentido, lembrou que “durante demasiado tempo moitas innovacións chegaron primeiro ás cidades e só despois ao resto do territorio, pero agora temos a oportunidade de demostrar que Ourense pode situarse na vangarda deste cambio”.

O presidente da Deputación destacou tamén a importancia da colaboración entre administracións e cidadanía para garantir o éxito destes proxectos. “A verdadeira enerxía transformadora non está só na tecnoloxía, senón nas persoas, nos veciños e veciñas que participan, e nos alcaldes e alcaldesas que impulsan iniciativas capaces de mellorar a vida da súa comunidade”, sinalou.

Experiencias prácticas e exemplos de éxito

Ao longo da mañá, os asistentes puideron coñecer distintas experiencias e casos de éxito relacionados co desenvolvemento de comunidades cidadás de enerxía e coa implantación de solucións de mobilidade eléctrica en contornas municipais.

O programa incluíu relatorios sobre comunidades enerxéticas municipais, mobilidade sostible e ferramentas específicas para os concellos, ademais da presentación de experiencias prácticas como a implantación dunha comunidade cidadá de enerxía en Jaraíz de la Vera (Cáceres) e o proxecto Rural MOVE desenvolvido no concello ourensán de San Xoán de Río.

A xornada concluíu cun chamamento á cooperación institucional e ao intercambio de coñecemento para aproveitar as oportunidades que ofrece a transición enerxética como motor de desenvolvemento económico, aforro e innovación para o conxunto da provincia.

Comparte este artigo