Preto de 500 veciños de 17 concellos comezarán accións centradas en teatro, bailes de salón, pilates, musicoterapia, ioga ou risoterapia, entre outras
A Deputación de Pontevedra continúa desenvolvendo os obradoiros de Provincia Activa, programa co que impulsa o envellecemento activo das persoas maiores, fomentando a súa participación para crear espazos de encontro e intercambio de experiencias. Esta semana, desde o luns 1 ata o venres 5 de setembro, comezarán 25 novos obradoiros doutras tantas entidades sociais que mobilizarán un total de 473 veciños de 17 concellos da provincia: Cerdedo-Cotobade, A Estrada, A Illa de Arousa, Lalín, A Lama, Mondariz, Moraña, Mos, Nigrán, Oia, Ponteareas, Pontevedra, Redondela, Salceda de Caselas, Silleda, Soutomaior e Vigo.
Este luns 1 de setembro comezan 11 obradoiros. Os usuarios da Asociación Cultural Irmáns Barcia (Ponteareas), da Asociación Cultural Moreira A Tope (Soutomaior) e da Asociación de Veciños Pé de Mula (Mondariz) practicarán pilates, así como os da Asociación de Maiores de Ponteareas e os da Asociación Veciños Soutoxusto O Eixo (Redondela) se formarán en ximnasia de mantemento. Tamén inician accións para conservar a memoria a Asociación Mulleres en Igualdade de Camposancos (Lalín) e a Asociación de Mulleres Veciñais O Castelo (Pontevedra), de bailes de salón coas asociacións de Lalín Mulleres Rurais de Muimenta e Mulleres en Igualdade de Donramiro, de musicoterapia da man da Asociación Prexubilados Xubilados e Pensionistas San Pedro (Cerdedo-Cotobade) e de pandeireta e canto popular no Centro Cultural e Deportivo Bolos da Carrasca (Nigrán).
O martes 2 comezarán dous obradoiros de conservación da memoria coa participación dos usuarios da Asociación Veciñal e Cultural de Moreira (Soutomaior) e da Asociación Mulleres Rurais de Dornelas (Silleda), e tamén a partir do mércores 3 coa Asociación Mulleres en Igualdade de Donsión e de Cercio (Lalín). Este mesmo día veciños da Asociación San Brais de Vinseiro (A Estrada) e da Asociación Cultural Chorima (Moraña) iniciarán un obradoiro de risoterapia, os da Asociación Nosa Terra da Parroquia de Pereiras (Mos) un de ioga, os da Asociación Cultural Son de Xeve (Pontevedra) un obradoiro de pandeireta e canto popular e os da Asociación Nosa Terra de Alcabre (Vigo) outro de bailes de salón.
Os inicios continuarán o xoves 4 cunha actividade de risoterapia na Asociación Cultural Chorima (Moraña) e outra para conservar a memoria na Asociación de Mulleres en Igualdade de Cercio (Lalín). O venres 5 as accións formativas chegarán ás usuarias da Asociación de Mulleres Rurais de Oia, que aprenderán teatro, da Asociación Mulleres Rurais A Pícara, que farán ximnasia de mantemento, e da Asociación de Pensionistas e Xubilados da Illa de Arousa, que practicarán bailes de salón.
A Deputación ofertou neste 2025 14 obradoiros no catálogo de Provincia Activa, divididos en seis bloques temáticos: “Benestar natural” (Plantas medicinais), “Saúde en movemento” (Pilates, ioga e ximnasia de mantemento para persoas maiores), “Emociónate” (Conservando a memoria, Musicoterapia, Risoterapia e Terapia emocional: Positividade e canalización das emocións), “Outra vida” (Teatro e Restauración de mobles e tapicería), “Con ritmo!” (Bailes de salón e Pandeireta e canto popular) e “Reder@s” (Habilidades dixitais para uso cotián e Informática. Nivel Avanzado). Provincia Activa conta este ano cun orzamento de 146.000 euros e ao longo do 2025 desfrutarán dos obradoiros 130 entidades de 40 concellos da provincia.



