A proxección do documental de Zeltia Outeiriño terá lugar na Biblioteca municipal ás 19:30 horas
A Biblioteca municipal de Marín acolle este martes 28 de outubro ás 19:30 horas a proxección do documental “Filmei paxaros voando”, de Zeltia Outeiriño. A actividade forma parte do Ciclo Mestre Mateo, unha iniciativa impulsada pola Deputación de Pontevedra e a Academia Galega do Audiovisual para achegar as longametraxes de ficción e documentais finalistas dos premios do audiovisual galego aos concellos da provincia.
O documental “Filmei paxaros voando” amósanos como a súa directora Zeltia Outeriño volta a Galicia despois de 20 anos en Barcelona para filmar a memoria do seu admirado tío Antonio, un artesán téxtil que viviu intensamente nos anos 80. Este retorno provoca o reencontro coa súa nai Socorro, unha muller á que Zeltia rexeitaba. O repentino empeoramento na saúde de Socorro cambia a mirada de Zeltia, que comeza un camiño de volta a casa complexo, pero tamén cheo de amor, coidados e curación.
A programación desta nova edición do Ciclo Mestre Mateo desenvólvese tamén este ano en Mondariz, Salvaterra de Miño e Vilanova de Arousa. Ademais de “Filmei paxaros voando” en Marín neste mes de outubro proxectáronse curtametraxes, os documentais “Salvaxe, salvaxe” e “Aurora”, e as longametraxes “As Neves”, “+Cuñados”, “Honeymoon” e “Xustiza artificial”.



