A Deputación ultima o prazo para presentar candidaturas aos premios Mulleres no Foco para recoñecer o talento feminino no sector audiovisual

adminON
Lectura mínima de 2

Ata o 21 de outubro poderán facer as súas propostas entidades locais, culturais ou profesionais de ámbito galego relacionadas co sector audiovisual

A Deputación de Pontevedra mantén aberto o prazo ata o vindeiro luns 21 de outubro para que entidades locais, culturais ou profesionais de ámbito galego relacionadas co sector audiovisual poidan propoñer candidaturas á nova edición dos premios Mulleres no Foco, promovidos pola Deputación de Pontevedra en colaboración coa Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Audiovisuais (CIMA). Uns galardóns que teñen por obxectivo poñer en valor o traballo das profesionais galegas no audiovisual co fin de mudar as cifras de infrarrepresentación actuais das mulleres do sector.

Os premios, que se entregarán nunha gala que terá lugar antes de que remate o ano, recoñecen a achega destacada de mulleres profesionais no audiovisual galego, preferentemente a través dunha obra realizada e presentada ou dun labor profesional especialmente salientable levado a cabo durante o ano 2023, ou tamén a súa traxectoria profesional consolidada.

En total entregaranse tres galardóns, cunha dotación económica total de 15.000 euros (5.000 euros cada un), a tres mulleres que se sumarán a Marina Carballal, María Vázquez e Beli Martínez, galardoadas no 2023; Chelo Loureiro, Paula Cons e Lucía Catoira, no 2022, e Margarita Ledo, Noemí Chantada e Sonia Méndez, no 2021.

Comparte este artigo