HomeDeputaciónsDeputación PontevedraA deputada Sandra Bastos reitera que a Deputación pon todas as prazas...

A deputada Sandra Bastos reitera que a Deputación pon todas as prazas de Príncipe Felipe a disposición da acollida de migrantes e lamenta o “ruído vergoñento” do PSOE ante unha catástrofe humanitaria

- Anuncio -spot_img

A responsable de Igualdade e Benestar Social advirte de que todas as prazas dos fogares do centro provincial “póñense automaticamente en mans” da Consellería de Política Social, pero esta aínda segue agardando polos 28 menores que o Goberno de España dixo que ía enviar o pasado ano

“En contraposición ao anterior goberno provincial, que tiña Príncipe Felipe abandonado, agora está funcionando e cada praza libre se ofrece e se esgota polo que a única diferenza coa Deputación da Coruña radica en que nós non nos prestamos aos actos propagandísticos dos socialistas”, manifesta Sandra Bastos

A deputada provincial de Igualdade e Benestar Social, Sandra Bastos, vén de reiterar que a Deputación de Pontevedra pon todas as prazas de acollida do Centro Príncipe Felipe a disposición da recepción de migrantes de xeito áxil e coa maior das dilixencias, polo que lamentou o “ruído vergoñento” do PSOE Provincial ante un asunto da gravidade desta catástrofe humanitaria.

A responsable provincial explicoulles aos socialistas que este servizo conta con distintos fogares que están preparados para longas estancias, como sería o axeitado neste caso, e ademais dispoñen dun protocolo para a protección e coidado de menores.

Ao respecto, engadiu que todas estas prazas “póñense automaticamente en mans” da Consellería de Política Social da Xunta tan pronto como quedan baleiras -de feito o próximo luns liberarase unha praza- e explicou que o problema sitúase, continuamente, na falta de dilixencia e xestión do Goberno de España. Así, concretou que este departamento da Xunta aínda segue agardando que o executivo central lle envíe aos 28 menores anunciados o pasado ano para a súa distribución nos espazos habilitados en toda Galicia.

“A diferenza do anterior goberno provincial, que tiña Príncipe Felipe completamente abandonado, agora está funcionando e, máis alá das obras de mellora que estamos acometendo, recibimos a migrantes que necesita desta dependencia durante todo o ano e cada praza libre que queda se ofrece ás autoridades e se esgota”, detallou a deputada.

Por elo, Sandra Bastos lamentou que os socialistas pontevedreses “traten de enlamar cun asunto da máxima gravidade, no que, ademais, a principal responsabilidade e mal funcionamento do mesmo depende exclusivamente do Goberno de España, que varía as cifras de migrantes, logo non os envía e só busca tentar salvar a cara ante a opinión pública nunha cuestión na que están completamente perdidos e na que non aproveitan os recursos que poñen a súa disposición as comunidades autónomas e as deputacións como a de Pontevedra”.

“A única diferenza da oferta de prazas de acollida para migrantes coa Deputación da Coruña radica en que nós non nos prestamos a actos propagandísticos, pero moi pouco eficaces, dos socialistas”, aseverou Bastos que lamentou a actitude, descoñecemento e mala fe do PSOE Provincial: “A provincia non se merece unha oposición como esta”, rematou.

Publicacións Relacionadas