A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, acaba de participar na presentación da edición número 40 do Trofeo Príncipe de Asturias, “unha das citas con maior tradición e prestixio no mundo da vela a nivel nacional”. Neste eido felicitou ao Monte Real Club de Yates de Baiona pola organización da regata que, nesta edición contará cun importante número de barcos inscritos procedentes de diferentes puntos da península ibérica.
Sánchez aproveitou a ocasión para poñer en valor a posición “privilexiada” da provincia de Pontevedra en canto á organización de probas deportivas náuticas. “Temos capacidade e contornas espectaculares, augas que nos sitúan como o grande estadio deportivo do mundo”, subliñou ao tempo que recordou que “Baiona converterase outro ano máis no epicentro da náutica coa entrega, ademais, dos Premios Nacionais de Vela 2025”. “Na Deputación somos moi conscientes do efecto de arrastre que xera para a economía da provincia a celebración de eventos deportivos de primeiro nivel e por iso non dubidamos nin un intre en apoiar acontecementos como este”.



