- A mandataria provincial asinou no Pazo de San Marcos a venda dunha parcela no parque empresarial de Feira do Monte para a creación dun taller mecánico de tractores. Neste polígono quedan dispoñibles 15 predios
A presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, vén de asinar esta semana na sala de xuntas do Pazo de San Marcos a venta dunha parcela no polígono industrial de Cospeito, tamén coñecido como parque empresarial de Feira do Monte. A transacción formalizouse por 39.000 euros.
Concretamente, a institución provincial vendeu a parcela número 22 ao particular Marcos Fernández Veiga, quen porá en marcha un taller de reparación de tractores tras máis de 30 anos de experiencia no sector. Fernández Veiga, que ata o de agora desenvolveu a súa actividade profesional como empregado por conta allea en Lugo, dá agora o paso de converterse en emprendedor no rural e poñer en marcha o seu propio negocio en Cospeito. O novo taller estará situado a apenas dous quilómetros do seu domicilio, polo que a proximidade foi un dos factores determinantes para apostar por este parque empresarial e desenvolver alí a súa actividade profesional.
Tras esta operación, quedan dispoñibles 15 parcelas das 24 que conforman o parque, situado moi próximo á Autovía A-6, o que facilita a conexión co resto da provincia. O polígono conta cunha superficie total de 56.726 metros cadrados e as parcelas dispoñibles van desde os 800 ata os 1.300 metros cadrados. O prezo establecido é de 39 euros por metro cadrado e a institución provincial ofrece facilidades de pago mediante financiamento.
Parcelas dispoñibles no resto dos polígonos
No resto dos parques industriais que construíu xestiona a Deputación de Lugo a dispoñibilidade é de 9 parcelas no polígono de Baleira, das 27 existentes; 37 parcelas dispoñibles dun total de 51 en Castroverde; 24 en Friol das 55 coas que conta; en Ourol hai 2 á venta dun total de 3; 13 das 19 que había inicialmente no de Paradela; e 1 parcela á venta dun total de 12 en Begonte. No de Chantada, xa están todas vendidas.
As persoas interesadas en obter máis información sobre a adquisición das parcelas poden poñerse en contacto co Servizo de Patrimonio da Deputación de Lugo.

