Miguel Fernández comprométese a incorporar as necesidades do tecido empresarial á súa estratexia de cidade

Redacción

O alcaldable socialista reuniuse coa Asociación de Empresarios do Ceao-As Gándaras, dando continuidade aos contactos que xa mantivo co colectivo durante a súa etapa como alcalde

A Asociación trasladou propostas relacionadas coa mobilidade, o transporte público, a iluminación, os viarios e os servizos nas áreas empresariais que Fernández recolleu para enriquecer o seu proxecto para o Lugo da próxima década

“Queremos construír unha estratexia que responda ás necesidades reais da cidade, e para iso é fundamental escoitar a quen coñece de primeira man cada realidade”, sinalou Fernández

Miguel Fernández mantivo un encontro coa Asociación de Empresarios do Ceao-As Gándaras, dando continuidade á relación de diálogo e traballo que xa mantivo co colectivo durante a súa etapa como alcalde. Na reunión, Fernández presentou as principais liñas de Lugo 10 e abordou co tecido empresarial as necesidades e retos das dúas principais áreas empresariais da cidade.

O candidato socialista explicou que este encontro forma parte dunha rolda de contactos cos diferentes sectores sociais, económicos e asociativos de Lugo para compartir o seu proxecto, coñecer de primeira man as súas prioridades e enriquecer a estratexia de cidade para a próxima década. “Lugo 10 ten unha visión clara de cidade, pero queremos desenvolvela escoitando a quen coñece de primeira man cada realidade e incorporando as súas necesidades e propostas”, sinalou Fernández.

A reunión permitiu coñecer as principais demandas do Ceao e As Gándaras e recoller distintas propostas para mellorar tanto a actividade das empresas instaladas nestes espazos como o día a día dos milleiros de persoas que se desprazan ata eles para traballar.

Entre as cuestións trasladadas pola Asociación estiveron a ampliación das cámaras destinadas á vixilancia do tráfico en distintos puntos dos polígonos; a mellora da iluminación e do estado dos viarios; así como diferentes actuacións relacionadas coa mobilidade e cos accesos ás áreas empresariais.

“Foi unha reunión moi útil porque nos permite coñecer directamente cales son as prioridades de quen desenvolve aquí a súa actividade todos os días. Esa é a forma na que queremos construír o noso proxecto de cidade: escoitar, contrastar as nosas propostas e incorporar novas ideas que nos axuden a responder ás necesidades reais de Lugo”, destacou Fernández.

Un dos asuntos abordados foi o transporte público. Os representantes empresariais trasladaron a necesidade de mellorar frecuencias e horarios para adaptalos ás quendas e necesidades das persoas traballadoras, así como avanzar en ferramentas dixitais que faciliten o acceso á información sobre o servizo de autobús urbano. Fernández recolleu estas propostas para o seu estudo dentro da estratexia.

Durante o encontro, a Asociación puxo tamén sobre a mesa propostas para avanzar na dotación de novos equipamentos e servizos en As Gándaras, pensando non só na actividade das empresas senón tamén nas necesidades cotiás das persoas que traballan nos polígonos.

Fernández defendeu que Ceao e As Gándaras deben ocupar un lugar central na estratexia económica de Lugo para a próxima década. “Son dous dos grandes motores económicos e de emprego da cidade e temos que seguir mellorando as súas condicións para gañar competitividade, atraer novos proxectos empresariais e consolidar Lugo como un referente industrial e loxístico no eixo da A-6 e no noroeste peninsular”, afirmou.

Defender os intereses de Lugo ante outras administracións

A Asociación trasladou igualmente a Fernández a importancia de avanzar en infraestruturas que non dependen directamente do Concello pero que condicionan o desenvolvemento das áreas empresariais. Entre elas, a conexión coa A-6 a través da Campiña, unha actuación demandada polo tecido empresarial cuxa execución corresponde á Xunta de Galicia.

Neste caso, Fernández comprometeuse a continuar reclamando esta conexión ao Goberno autonómico e a exercer desde o Concello a interlocución necesaria para avanzar nas infraestruturas que Lugo precisa. “Que unha actuación non sexa competencia municipal non significa que o Concello poida desentenderse. Se é importante para Lugo, temos que defendela e reclamala diante de quen teña a responsabilidade de executala”, afirmou.

O candidato socialista destacou que este encontro exemplifica o proceso co que quere seguir desenvolvendo a súa estratexia de cidade durante os próximos meses: partir dunha visión global para Lugo e enriquecela co coñecemento e as propostas de quen coñece cada ámbito.

“Queremos que Lugo 10 recolla tamén a visión de quen crea emprego, de quen traballa nos nosos polígonos, dos barrios, das parroquias e do tecido social da cidade. Temos claro cara onde queremos levar Lugo, e agora toca seguir construíndo ese proxecto con Lugo”, concluíu Fernández.

Comparte este artigo