Deputación e Xunta impulsan a modernización das prazas de abastos do Carballiño e Xinzo de Limia cun investimento de máis de 1,6 millóns de euros

Redacción
ACTO SINATURA CONVENIOS PRAZAS DE ABASTOS CARBALLIÑO E XINZO DE LIMIA O presidente provincial, Luis Menor, participa no acto de sinatura dos convenios, coa Xunta de Galicia representada por José González (Consellería de Emprego) para a mellora das prazas de abastos do Carballiño, José Castro Gil (Alcalde en Funcións) e Xinzo de Limia, Amador Díaz Penín (Alcalde de Xinzo de Limia).

O presidente provincial, Luis Menor, destaca que estes convenios permiten “dar un novo impulso ao comercio de proximidade e reforzar o papel das prazas de abastos como motores económicos e sociais das nosas vilas”

Lembrou tamén que a Deputación de Ourense é a que “máis convenios de colaboración mantén coa Xunta”

Os acordos, asinados coa Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e cos concellos do Carballiño e Xinzo, enmárcanse na estratexia para avanzar cara á Rede de Mercados Excelentes de Galicia

A Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia continúan avanzando na súa colaboración institucional para impulsar a mellora e modernización das prazas de abastos da provincia coa sinatura de dous convenios específicos cos concellos do Carballiño e Xinzo de Limia, que permitirán mobilizar investimentos por valor de máis de 1,6 millóns de euros.

O acto de sinatura celebrouse esta mañá no Pazo Provincial coa participación do presidente provincial, Luis Menor; o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González; o alcalde en funcións do Carballiño, José Castro; e o alcalde de Xinzo de Limia, Amador Díaz.

Durante a súa intervención, Luis Menor destacou que estes convenios representan “un exemplo de colaboración institucional útil e eficaz”, permitindo avanzar na revitalización dos mercados tradicionais e no fortalecemento do comercio de proximidade. Do mesmo xeito, lembrou que a ourensá é a Deputación “que máis convenios de colaboración mantén coa Xunta de Galicia”

O presidente provincial lembrou que estas actuacións dan continuidade ao protocolo de colaboración asinado entre Xunta e Deputación o pasado mes de febreiro para sentar as bases da modernización das prazas de abastos da provincia.

“Falamos de espazos que son moito máis ca mercados. Son puntos de encontro, símbolos da identidade das nosas vilas e auténticos motores económicos e sociais”, subliñou Menor, quen incidiu na importancia de adaptar estes equipamentos “aos novos hábitos de consumo, mellorando servizos, accesibilidade, modernización e atractivo comercial”.

Modernización de espazos

No caso do Carballiño, o convenio permitirá executar unha profunda reforma e modernización da súa praza de abastos cun investimento global de 1.429.577,90 euros. A Xunta achegará o 70 % do financiamento; a Deputación, o 20 %, cunha achega de 285.915,58 euros; e o Concello asumirá o 10 % restante.

As actuacións desenvolveranse en dúas fases entre 2026 e 2027 e inclúen obras de reforma interior, modernización e mellora integral do mercado municipal.

En Xinzo de Limia, o investimento ascende a 209.834,38 euros para actuacións de mellora, modernización e equipamento da praza de abastos, cunha achega provincial de 40.000 euros.

O proxecto contempla tanto a execución das obras como os servizos técnicos necesarios para a redacción, dirección e seguimento da actuación.

Ambos proxectos están aliñados coa estratexia da Xunta de Galicia para impulsar a Rede de Mercados Excelentes, orientada a modernizar os mercados tradicionais sen perder a súa identidade, potenciando o produto local, a sustentabilidade, a dixitalización e a calidade do servizo.

Luis Menor puxo en valor que “defender as prazas de abastos é tamén defender o pequeno comercio, apoiar aos produtores locais e contribuír á dinamización económica e social das nosas vilas”.

O presidente provincial reiterou ademais o compromiso da Deputación de seguir colaborando cos concellos “para impulsar proxectos transformadores que melloren servizos, xeren oportunidades e reforcen a cohesión territorial da provincia”.

Comparte este artigo