“Reparamos na calidade dos proxectos presentados e cremos que todos merecen unha oportunidade. Os concellos tomaron o Plan Extra como o que é: unha oportunidade sen precedentes para transformar os municipios medianos e pequenos con iniciativas chamadas a poñer un punto de inflexión”, afirma López
O incremento dos recursos en 2,8 millóns de euros permitirá mobilizar máis de 60 millóns, tendo en conta os recursos provinciais e o cofinaciamento municipal
O presidente avanza a aprobación dunha modificación de crédito con cargo a remanentes que se levará a cabo en marzo nun pleno extraordinario
O goberno provincial aprobará tamén, no pleno ordinario deste venres, unha prórroga de case un ano, ata o 31 de marzo do 2026, para executar os proxectos do programa PON2030
Pazo provincial, 25 de febreiro do 2025. O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anuncia a ampliación do orzamento do Plan Provincia Extraordinaria – Plan Extra en 2,8 millóns de euros a través dunha modificación de crédito con cargo a remanentes que se aprobará o vindeiro mes de marzo nunha sesión plenaria extraordinaria. Con esta inxección de fondos anunciada polo mandatario provincial en rolda de prensa, a dotación do novidoso Plan Extra aumenta ata os 38 millóns de euros, unha cifra que permitirá executar os proxectos presentados polos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. “É unha decisión que provoca dous efectos inéditos. Por unha banda, se xa era o plan extraordinario de investimentos máis alto da historia da Deputación, agora éo con máis razón aínda. Pola outra, grazas esta ampliación de orzamento, imos financiar os proxectos de todos concellos que se presentaron. Absolutamente ningún quedará fóra”, afirmou o titular do goberno provincial.
Neste pleno extraordinario, que se celebrará no prazo máis breve posible, someterase a votación unha modificación de crédito con cargo a remanentes por valor de 2,8 millóns de euros que se destinarán a ampliar ata os 38 millóns de euros os recursos deste Plan Extra, cos que os concellos de menos de 50.000 habitantes poderán executar proxectos estratéxicos para mellorar as infraestruturas ou dotacións municipais. Unha decisión adoptada polo goberno provincial despois de estudar as propostas presentadas polos gobernos locais. “Tomamos esta determinación unha vez reparamos na calidade dos proxectos presentados. Criamos que todos merecían unha oportunidade. Os concellos tomaron o Plan Extra como o que é: unha oportunidade sen precedentes para transformar os concellos medianos e pequenos”, argumentou López.
Trátase dun plan de investimentos chamado a marcar “un punto de inflexión” en toda a provincia. En primeiro lugar porque traerá melloras nas dotacións e na calidade de vida de todos os municipios. E, en segundo lugar, porque terá “un efecto tractor moi relevante sobre a economía pontevedresa” ao engadir aos 38 millóns de euros achegados polo ente provincial os fondos necesarios do cofinanciamento municipal, que fará que se mobilicen máis de 60 millóns de euros. Ademais, os concellos poderán volver botar man da colaboración da Deputación para facer fronte a estes gastos do cofinanciamento, pois teñen á súa disposición os recursos do +Provincia que este ano incorpora como novidade a opción de realizar investimentos plurianuais para poñer en marcha proxectos estratéxicos. “Todo un torrente de recursos que nos reafirma como o goberno máis municipalista”, resumiu o dirixente.
Neste sentido, defendeu Luis López que este aumento dos fondos do Plan Extra para atender as propostas de todos os concellos é posible grazas a estabilidade e a maioría que sustenta o goberno provincial. Con todo, agarda que na vindeira sesión plenaria todos os grupos que compoñen a corporación provincial dean o seu voto favorable. “Miramos por todos os concellos: independentemente do lugar, do tamaño ou da cor. Por iso me gustaría que todos os grupos políticos con representación no Pleno votaran favorablemente a todas estes asuntos necesarios para a provincia, vitais para o seu desenvolvemento e solicitados por moitos dos seus compañeiros de partido”, reflexionou o presidente.
Prórroga do PON2030
A ampliación dos fondos do Plan Extra non foi a única “boa nova” anunciada polo presidente Luis López para os concellos da provincia. No vindeiro pleno ordinario da Deputación, previsto para este venres 28 de febreiro, aprobarase a prórroga do plan de investimento do programa PON2030 polo prazo de case un ano, ata o 31 de marzo do ano 2026. Unha decisión tomada tamén despois de escoitar aos alcaldes da provincia e unha mostra de comprensión por parte da Deputación polas dificultades estruturais que están a sufrir moitos concellos da provincia. “Neste caso, rigor e comprensión van da man. O importante non é converter unha data nunha liña vermella infranqueable, senón garantir que os investimentos financiados con cargo a este PON2030 sexan unha realidade para os veciños”, xustificou López.
O programa PON2030 é un plan de investimento destinado aos concellos de menos de 50.000 habitantes dotado con 22 millóns de euros. Foi aprobado polo goberno anterior e materializado polo goberno de Luis López a través da sinatura de convenios cos concellos da provincia.