Luis López: “Para nós a xuventude é cuestión prioritaria e por iso creamos o primeiro servizo de Xuventude da historia da Deputación. A nosa vontade é coidar á mocidade e dotala de todas as ferramentas posibles para que teña un futuro cheo de oportunidades”
O programa, dotado con máis de 42.000 €, ofertará 34 accións formativas para centros educativos de Secundaria e Bacharelato de concellos de reto demográfico da provincia. O prazo para que os centros soliciten as actividades abrirase en novembro
Luis López presenta En plan ben, un novo programa impulsado polo servizo de Xuventude da Deputación de Pontevedra co que, en palabras do presidente Luis López, “pomos o foco en algo tan importante como é a saúde mental e o benestar emocional da mocidade”. O presidente, que incidiu na importancia da xuventude para o goberno provincial, subliñou que “a nosa vontade é coidar á mocidade e dotala de todas as ferramentas posibles para que teña un futuro cheo de oportunidades”.
En plan ben, dotado con máis de 42.000 €, ofertará un total de 34 accións formativas para centros educativos de ESO e Bacharelato dos concellos de reto demográfico da provincia, que poderán formalizar a súa solicitude no mes de novembro. As actividades, tal e como informou Luis López, están deseñadas para os diferentes grupos da comunidade educativa: alumnado, profesorado e familias. Deste xeito, para o alumnado poranse en marcha obradoiros de 8 horas sobre autolesións, prevención de condutas de suicidio, trastornos de conduta alimentaria, acoso escolar, pornografía ou, entre outras, substancias abusivas. Pola súa banda, para o profesorado os obradoiros serán de 4 horas e centraranse na promoción do benestar, na identificación de riscos ou na abordaxe de problemas. E, finalmente, para as familias os obradoiros serán de 2 horas e analizarán a saúde mental no fogar, a comunicación asertiva cos menores ou a convivencia positiva.
Escoitar, entender e atender
O presidente provincial explicou que “como practicamente a maioría das iniciativas que poñemos en marcha nesta casa, En plan ben xurdiu da escoita activa, porque a nosa forma de facer política é escoitar, entender e atender”. Ao respecto, López detallou que “nas xuntanzas mantidas entre o servizo de Xuventude cos diferentes colectivos que traballan coa mocidade había un denominador común: a preocupación pola saúde mental das nosas mozas e mozos. Así que, despois da escoita, decidimos incorporar no I Plan Estratéxico de Xuventude esta cuestión tan solicitada e aquí está o resultado: En plan ben”.



