Con estes recursos a Deputación de Pontevedra financia integramente a actualización do Sistema de Xestión da Base de Datos Corporativa e a renovación do céspede artificial nos campos de fútbol 8 do Centro Municipal de Fútbol Manolo Barreiro da Xunqueira
Luis López anunciou a aprobación en Xunta de Goberno de dous novos convenios con Pontevedra valorados en 353.000 euros cos que “demostramos a man permanentemente tendida” co goberno local da cidade. Trátase, en palabras de López, “dun exemplo máis de que este goberno da Deputación aposta pola lealdade institucional e ten ao municipalismo por bandeira e dun exemplo máis de que escoitamos as demandas de Pontevedra e damos resposta ás necesidades do Concello para que esta cidade, a nosa capital, avance como nunca antes o fixera”.
O convenio coa maior dotación económica, dotado con 210.540 euros, irá dirixido a financiar integramente o proxecto de actualización do Sistema de Xestión da Base de Datos Corporativa do Concello de Pontevedra. O presidente provincial explicou que o obxectivo desta actuación, entre outras cuestións, é “garantir unha maior eficiencia e seguridade na administración electrónica municipal e optimizar a prestación dos servizos públicos”.
Pola súa banda, a Deputación de Pontevedra tamén asinará outro convenio co Concello de Pontevedra que ascende a 143.000 euros. Estes recursos provinciais servirán para financiar, tamén integramente, a renovación do céspede artificial nos dous campos de fútbol 8 do Centro Municipal de Fútbol Manolo Barreiro, da Xunqueira, retirando o céspede actual e substituíndoo por un novo de última xeración e mellores prestacións.