– O Deputado de Promoción Económica e Social e o organizador da cita presentaron hoxe en San Marcos esta iniciativa que acada a súa quinta edición consolidándose como un referente internacional da cervexa artesanal
– Pablo Rivera destacou o apoio continuo da institución provincial a este evento, co que “colaboramos desde a primeira edición, xa que é un exemplo de como un evento cultural e gastronómico pode converterse nun atractivo turístico de primeiro nivel”
O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, e o organizador do Portomarín BeerFest, Manuel Pombo, presentaron este luns no Pazo de San Marcos a quinta edición do festival, que se celebrará este venres e sábado da ponte de maio en Portomarín e reunirá un total de 13 produtores internacionais entre cervexa artesanal, viños e sidra, grazas ao apoio da Deputación de Lugo, que achega un ano máis 3.000 euros para a súa organización.
Rivera destacou o apoio constante da institución a este evento que “ano tras ano se reinventa e medra na súa proposta”. Neste sentido, sinalou que “colaboramos desde a primeira edición, porque o espírito do BeerFest demostra como unha proposta deste tipo pode converterse nun atractivo turístico de primeiro nivel e nun elemento diferenciador para un concello de paso do Camiño de Santiago”. Engadiu ademais que este festival amplía a súa oferta máis alá da cervexa, incorporando tamén sidra e viño, “co obxectivo de poñer en valor produtos representativos da provincia”.
Pola súa banda, Manuel Pombo agradeceu o apoio da Deputación, que cualificou como “fundamental para seguir medrando e consolidando o BeerFest, que xa é un referente no norte de Portugal e de España”. Como novidade desta edición, anunciou Pombo que o festival incorpora o Tolemia Pura, unha cata a porta pechada con barra libre de degustación xunto aos propios produtores durante dúas horas, coa que se dará o pistoletazo de saída ao evento. Nesta actividade participarán unhas 20 persoas e as prazas esgotáronse en poucos días, “o que confirma o interese crecente e a boa acollida desta proposta dentro do programa do festival”, aseverou.
O público poderá degustar cervexas procedentes de Bélxica, Escocia, Portugal, Francia, Hungría ou Polonia, entre outros países, acompañadas de propostas gastronómicas e dunha programación musical ao longo das distintas xornadas.
O festival contará con marcas internacionais como Funky Fluid e Tankbusters (Polonia), Gross (País Vasco), Joint (Madrid), Gekko (Francia), Salama (Finlandia), Solpor (Galicia) e Seven Island (Grecia).
Para garantir a diversidade de estilos e procedencias, participarán tamén cervexeiras como Attik, Borinage, Censurada, Gat, Mica, Orient, Zarpazo, Rec, Sparkle, B.A.R + Pop e Red Hoof, procedentes de Bélxica, Portugal e de comunidades como Cataluña, Andalucía ou Castela e León.
O Portomarín BeerFest 2026 contará ademais cun espazo específico dedicado aos produtos fermentados, no que se incluirán sidras como Serps (Cataluña) e Raia (Galicia), así como viños de Xorex e Xénese (Galicia) e La Natural (Cataluña), reforzando así a aposta pola diversidade e pola produción artesanal.

