HomeDeputaciónsDeputación PontevedraO BNG cualifica a recompra do Teatro Cine Fraga por parte da...

O BNG cualifica a recompra do Teatro Cine Fraga por parte da Deputación e a Xunta de “decisión equivocada, estafa e exemplo de mala xestión”

- Anuncio -spot_img

O Bloque provincial subliña que para o único que serve o inmoble a día de hoxe é para “autobombo” da candidata do PP a Alcaldía de Vigo e para encubrir as políticas de “maltrato e abandono” do goberno galego cara a cidade olívica

O grupo provincial insta a asinar canto antes o convenio da piscina de Teis

O grupo provincial do BNG cualificou hoxe a recompra do Teatro Cine Fraga por parte da Deputación e a Xunta de “decisión equivocada, estafa e exemplo de mala xestión”. O Bloque provincial, que se abstivo sobre a aprobación do convenio para realizar as obras no inmoble vigués, subliña que para o único que está a servir o edificio a día de hoxe é para “autobombo” da candidata do PP a Alcaldía de Vigo e para encubrir as políticas continuadas de “maltrato e abandono” da  Xunta cara a cidade olívica.

A deputada Manuela Rodríguez destacou que o convenio aprobado hoxe insiste nunha decisión equivocada: recomprar un Teatro Cine Fraga que formaba parte da obra social dunha entidade que foi rescatada con 9 mil millóns de euros (Abanca), dos que só se devolveron 1.000 e que leva anos xerando beneficios privados millonarios. “Unha verdadeira estafa e un exemplo de mala xestión. O Teatro Cine Fraga debeu ser devolto á cidadanía, non recomprado co diñeiro de todas e de todos agasallando con 9,4 millóns de euros ao banco presidido pola quinta persoa máis rica do Estado español”, subliñou.

A voceira nacionalista destacou que, coa compra do Teatro e a sinatura do convenio entre Deputación e Xunta, o Partido Popular insiste “na súa estratexia sectaria” de poñer ambas institucións ao servizo dos seus intereses partidistas. “Din querer recuperar o Teatro-Cine Fraga para a cidade, pero fano de costas á cidade. Sen contar con ninguén, máis alá da farsa do proceso de presunta participación (no que por non contar non contaron nin coa Escola Superior de Arte Dramático, que ten sede en Vigo) para elaborar un Plan de Usos que vai ficar reducido a papel mollado, tan flexíbel e indeterminado como a súa proposta cultural”, apunta Rodríguez.

Segundo o Bloque, a día de hoxe, para o único que serve o Teatro-Cine Fraga “é para que quen di que vai ser candidata do PP á alcaldía de Vigo faga visitas guiadas para maior autobombo, vestindo o casco de obra e multiplicando os selfies. Nisto vese que o PP de Vigo ten aprendido moito do peor do Goberno municipal de Abel Caballero: todo reducido a propaganda”.

Engade Rodríguez que “é claro” que o único interese e motivación do Partido Popular, na Xunta e na Deputación, co Teatro-Cine Fraga é desenvolver unha actuación de aspecto monumental para tentar encubrir as políticas de “continuado maltrato e abandono que o seu goberno na Xunta aplica de maneira implacábel en Vigo”. “Queren un grande contedor, sen prestar demasiada atención ao seu futuro contido, para proxectar como un holograma a falsa idea de que están a investir en Vigo, cando no único no que invisten é, lamentablemente, en propaganda”, insiste.

Por todo isto, o BNG volveu defender a necesidade de cooperación entre Concello, Deputación e Xunta, a través dun consorcio público-privado ou calquera outra fórmula administrativa, para sumar esforzos na recuperación de uso deste histórico inmóbel e convertelo nunha dotación cultural verdadeiramente útil e enraizada no propio tecido creativo e artístico da cidade, “e non ao servizo de deseños caprichosos”.

Piscina de Teis

Por outra banda, o grupo provincial do BNG tamén instou ao goberno provincial a asinar o convenio comprometido co Concello de Vigo para transferir os 5 millóns de euros destinados a financiar a reforma da piscina de Teis. O Bloque lembra que o equipamento está pechado dende maio de 2022 deixando sen servizo a case 1.500 persoas usuarias, polo que solicita que se realicen os trámites necesarios para oficializar o acordo entre as administracións local e provincial en lugar de seguir demorándoo “polo capricho da vicepresidenta segunda de forzar unha fotografía con Abel Caballero”.

Publicacións Relacionadas