Home Lugo Lara Méndez estima en 12’5 M de euros o 50% que lle...

Lara Méndez estima en 12’5 M de euros o 50% que lle corresponde aportar á Xunta en Lugo para a recuperación do tecido económico

- Anuncio -

A rexedora lembra que o Concello xa consignou, en marzo de 2020, 5M de euros cos que dotou ao Plan Reanima, o primeiro programa de axudas directas locais de toda España

O 8 de xullo. Ese foi o día no que o Concello de Lugo comezou a pagar ás familias, empresarios e autónomos lucenses, entre eles moitas e moitos hostaleiros, as axudas directas do Plan Reanima para as que o executivo de Lara Méndez mobilizou 5 millóns de euros, xa o 15 de marzo, día seguinte á declaración do Estado de Alarma coa finalidade de apoiar, dende o primeiro momento da pandemia, ao tecido produtivo local.

Foron as primeiras achegas públicas que se deseñaron e artellaron, a nivel municipal, en toda Galicia e en España ás que a rexedora e o seu equipo de goberno quixo acompañar con outras medidas que contribuísen a paliar as consecuencias económicas que estaba a provocar o Covid.

“Xunto a estas subvencións desenvolvemos outras actuacións encamiñadas a diminuír a presión fiscal pero tamén a aproveitar o tempo de confinamento para diversificar e modernizar os negocios co fin de garantir a súa viabilidade no futuro”, lembrou Lara Méndez.

E así se eximiu, dende marzo do 2020 e tamén durante todo este exercicio, ao sector da hostalaría do pago das taxas pola ocupación da vía pública que fan coas terrazas, permitíndolles ademais amplialas e dotalas de elementos de confort durante o inverno para contrarrestar as limitacións de aforo e horario que a normativa sanitaria impón a estes locais e seguir resultando atractivos para o público.

Tamén se adiou o pago de tributos, entre eles, un dos máis onerosos para as arcas municipais e para os contribuíntes como é o IBI, se postergou a liquidación do ICIO para propiciar a realización de obras e recuperar a actividade na construción, se creou unha plataforma de comercio local para incentivar, mediante a adquisición de bonos, ás compras por adiantado e dotar de liquidez ás Pemes, se fixeron campañas de dinamización para levar o comercio á rúa e, entre outras iniciativas de carácter formativo, se propiciou o emprendemento e se impartiron cursos para adaptar ás empresas á nova realidade sanitaria certificando así que son establecementos seguros nos que se cumpren todos os protocolos de hixiene esixidos.

“Accións, solucións que este Concello efectivizou de forma inmediata, anticipándose á evolución do Covid para minorar o impacto que xeraría a súa deriva nunha crise social e económica. E nese momento, fomos nós os que instamos á Xunta de Galicia a mellorar a súa capacidade de resposta e a poñer en marcha mecanismos similares ante a necesidade de axuntar esforzos para sobre poñernos á situación”, engadiu a alcaldesa. “Unha reacción – abondou – que se fixo agardar até o pasado mes de novembro, cando publicou as bases das primeiras axudas que ofrecía”.

“Unha colaboración, por certo, á que tivemos que apelar en máis dunha ocasión, incluso para poder coñecer os datos sobre a progresión dos contaxios co fin de frealos pero que, de xeito recíproco, tamén lle brindamos cando, pese aos informes contrarios da Avogacía do Estado, descansou nas administracións locais – na súa maioría escasas de efectivos – a xestión e tramitación das sancións por incumprimento á Lei de Saúde de Galicia”, indicou Méndez.

“Eu mesma lle trasladei ao señor Núñez Feijoo, persoalmente como alcaldesa de Lugo pero tamén, por escrito, como Vicepresidenta do Eixo Atlántico o papel determinante que estamos a desempeñar os Concellos, como institucións máis próximas á cidadanía, na etapa de recuperación que se aveciña. Porque así é como debemos afrontala: contemplándoa como un desafío e como unha oportunidade para converter os recursos propios nunha verdadeira potencialidade. Un obxectivo, iso si, para o que debemos contar con suficientes recursos”, sostivo a rexedora.

“Por iso nos resulta poderosamente rechamante que o presidente galego lle pida agora cooperación aos Concellos, cando somos nós, nomeadamente o de Lugo, os que levamos apoiando, con iniciativas e fondos exclusivamente municipais, ao empresariado dende o día 1 do Estado de Alarma. Pero é que ademais, gustaríame sumarme ás reflexións doutros compañeiros que xa aludiron á falta de respecto institucional cando unha decisión coma esa se comunica de forma unilateral e sen que tivese respostado nunca ás continuas peticións de reunión que lle fixemos chegar os alcaldes e alcaldesas das grandes cidades para abordar a rexeneración dos municipios”, sostivo Lara Méndez.

“Aínda así, e compartindo esa necesidade de pular conxuntamente para compensar ás e aos máis afectados polos prexuízos que está a ocasionar a pandemia, temos que dicir, como lucenses, que serán máis que benvidos ese mínimo de 12’5 millóns de euros procedentes da Xunta de Galicia – o 50% ao que anunciou que se comprometía – logo de que nós xa teñamos consignados o 20% que nos asignou nos 5 millóns cos que dotamos en marzo ao Plan Reanima”.

“E unha vez máis – concluíu a alcaldesa – queremos deixar manifesta, ante o contexto global que nos afecta, a nosa vontade de permanecer ao carón daqueles organismos públicos, daquelas entidades, sectores e asociacións cuxo labor redunda no benestar e no interese xeral. As portas do Concello de Lugo seguen abertas e a nosa man tendida para traballar co resto de administracións non só en superar a pandemia senón tamén en construír un futuro digno para toda a veciñanza. Un horizonte prometedor que, no caso do noso municipio xa empezamos a tecer coa Estratexia Lugo Transforma, da que tamén é sabedor Alberto Núñez Feijoo, e na que o convidamos a participar. Porque nun momento coma este a altura de miras coa que debemos actuar os dirixentes políticos debe ir aparellada á axilidade e impulso que estamos obrigados a conferirlle ás institucións”.

Relacionadas

A Xunta completa a renovación das instalacións do Centro de Recuperación de Fauna Silvestre...

0
— Ángeles Vázquez explica que as actuacións rematan esta semana e permiten dar un paso máis na conservación e recuperación das especies de fauna...

FEIRACO patrocina os VI Premios Stephen Hawking, que se entregarán este venres no IES...

0
Un total de 54 traballos aspiran a alzarse coa sexta edición deste premio, coordinado por Amparo Alonso Betanzos, catedrática de Ciencias da Computación e...

Edificios públicos das sete cidades galegas iluminaranse de vermello polo Día Mundial da Hemofilia

0
Dende a asociación Agadhemo queren visibilizar esta doenza que en Galicia afecta a máis de 300 persoas. O 17 de abril conmemórase o Día Mundial...

A Xunta comezará a vindeira semana traballos de limpeza nas marxes de catro estradas...

0
― Iniciaranse traballos de roza nas estradas AC-861, en San Sadurniño, e na LU-616, ao paso polo concello do Saviñao ― Tamén comezarán labores de...

A Xunta de Galicia aprobou de forma inicial o Plan Básico Municipal de Alfoz...

0
Ángeles Vázquez salienta que é o sétimo municipio lucense en superar este trámite para contar cunha ferramenta que ten como obxectivo impulsar unha ordenación...

A Xunta outorga os premios da 7ª edición do concurso de carteis escolares co...

0
Entre as 124 propostas presentadas, resultaron gañadores os traballos de alumnado de centros da Coruña, Arteixo, Vigo, Moaña, Guitiriz e O Carballiño con mensaxes...

Publicacións Relacionadas