O tribunal rexeita a pretensión do querelante de ampliar a investigación a posibles delitos de malversación e falsidade documental
A resolución xudicial é firme
A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Ourense desestimou o recurso de apelación interposto polo exconcelleiro Telmo Ucha contra o auto do 14 de abril de 2026, ditado pola praza número 1 da Sección de Instrucción do Tribunal de Instancia de Ourense nas dilixencias previas 674/2025.
O querelante pretendía co seu recurso que se ampliase o obxecto da investigación contra o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, para incluír os delitos de malversación de caudais públicos e falsidade en documento público.
Na súa resolución a Audiencia rexeita a petición. Lembra que nun auto do 26 de xuño de 2026 xa acordara o sobresemento libre da causa contra o alcalde, ao estimar que non concorrían na actuación obxecto de querela os elementos que integran o delito de prevaricación por omisión. En consecuencia, engade o tribunal: “iso aboca necesariamente ao rexeitamento do presente recurso, ao ir indisolublemente unidos, no seu caso, tanto a malversación de caudais pretendida como a falsidade documental co delito de prevaricación obecto de querela”.
A resolución xudicial tamén establece que non cabe interpoñer recurso ordinario algún contra este auto, polo que a decisión é firme. As costas da alzada decláranse de oficio.

