Tamén lle concede o visto e prace á remodelación do Colexio Maristas
Aproba a convocatoria de subvencións a asociacións e entidades sen ánimo de lucro en materia de servizos sociais, cun orzamento de 325.000€
A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense acordou na súa sesión ordinaria desta semana concederlle á Universidade de Vigo a licenza urbanística para o proxecto básico e de execución dun edificio para a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, no campus universitario de Ourense. O proxecto ten un orzamento de licitación material de 6.7222.689,08 euros.
Na mesma sesión, que se desenvolveu este mediodía no salón de plenos, deulle o visto e prace á licenza para o proxecto de remodelación do Colexio Maristas, cun orzamento de 2,8 millóns de euros. Tamén se aprobaron as bases reguladoras e a convocatoria para a concesión de subvencións en réxime de concorrencia competitiva a asociacións e entidades sen ánimo de lucro en materia de servizos sociais correspondentes ao exercicio 2025, cun orzamento de 325.000 euros.
A xuntanza tivo 31 asuntos na súa orde do día
RELACIÓN DE ACORDOS APROBADOS
Licenzas (10)
- Conceder a licenza de obra para o proxecto básico de cambio de uso de local a vivenda dun inmoble na Rúa Liberdade.
- Concederlle á Fundación Maristas Compostela a licenza urbanística de obra para o proxecto básico de remodelación do colexio Maristas Santa María de Ourense, na rúa Bedoya, cun orzamento de execución material de 2.800.000 euros.
- Conceder a licenza para o proxecto básico para o cambio de uso para vivenda dun local na rúa Ponte Codesal.
- Conceder a licenza urbanística de obras en vía de legalización e para o proxecto básico e de execución de ampliación dunha vivenda unifamiliar na Urbanización Pazo de Ramirás.
- Conceder a licenza urbanística de obra para o proxecto básico e de execución para a instalación dun ascensor nun local comercial na avenida da Habana.
- Conceder a licenza urbanística de obra para o proxecto básico e de execución de adaptación de planta baixa a uso administrativo de oficina nun edificio na rúa Marcelo Macías.
- Conceder a primeira ocupación por legalización de usos dunha vivenda na planta baixo cuberta dun edificio na avenida de Bos Aires.
- Conceder a licenza urbanística de segregación dunha parcela en Santa Cruz de Arrabaldo.
- Declarar a innecesariedade de licenza urbanística de segregación dunha parcela na rúa San Mamede.
- Denegar unha solicitude de prórroga para iniciar as obras de cambio de uso para vivenda dun local na rúa Salvador Dalí.
Aperturas (2)
- Conceder a licenza urbanística de obra para o proxecto de adaptación dun local para centro deportivo de adestramento persoal, ximnasio, na planta baixa dun edificio da rúa da Coruña.
- Concederlle á Universidade de Vigo a licenza urbanística de obra para o proxecto básico e de execución dun edificio para a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, no campus universitario de Ourense, cun orzamento de licitación material de 6.7222.689,08 euros.
Contratación (4)
- Declarar a urxencia e acordar a tramitación polo procedemento de urxencia do expediente para a contratación, mediante procedemento aberto e pluralidade de criterios de adxudicación, do contrato mixto de subministracións e servizos integrantes das actuacións necesarias para a implantación da Zona de Baixas Emisións Ourense Centro, financiado parcialmente con fondos Next Generation EU no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
- Aprobar o expediente para contratar a subministración de prendas de uniformidade e complementos da Policía Local do Concello.
- Rectificar un erro material na autorización de gasto do expediente de prórroga do contrato do servizo de mantemento da aplicación informática Séneca.
- Aprobar o expediente para contratar a subministración da renovación e mantemento da aplicación XIESS, empregada polos servizos sociais do Concello.
Patrimonio (4) Desestimar 3 reclamacións de responsabilidade patrimonial e acordar a desistencia doutra.
Alcaldía (1) Outorgar poder xeral para preitos a favor dunha procuradora para intervir como procuradora nos procedementos xudiciais do Concello cando así lle requira.
Asuntos sociais (1) Reposición de crédito sobrante de fase de gasto A do contrato de Servizo de Axuda no Fogar do Concello.
Avogacía Consistorial (8) A Xunta de Goberno deu conta de 3 sentenzas: 2 delas ditadas polo Xulgado do Contencioso Administrativo número 2 e 1 polo número 1. Tamén foi informada de que o Concello comparecerá en 5 procedementos xudiciais diante dos xulgados do contencioso número 1 e 2 e do Social, 3.
Fóra da orde do día (1)
Aprobar as bases reguladoras e a convocatoria para a concesión de subvencións en réxime de concorrencia competitiva a asociacións e entidades sen ánimo de lucro en materia de servizos sociais do Concello correspondentes ao exercicio 2025. Tamén se aproba o gasto, pola contía de 325.000 euros.