Avante Ourense propón un pacto pola defensa dos dereitos laborais e reta os partidos de esquerda a implicarse

Redacción

Francisco Diéguez: ‘’ A defensa dos traballadores non pode quedar en palabras. Se realmente compartimos ese compromiso, temos que demostrarllo á cidadanía con medidas concretas. Desde Avante Ourense estamos dispostos a sentarnos con todas as formacións políticas. Non pedimos que compartan as nosas siglas, senón que se comprometan cos dereitos laborais. Agora queremos saber quen está disposto a dar ese paso’’.

A organización chama ao PSOE, ao BNG e á coalición formada por Ourense Mellor, Sumar e as demais formacións que a integran, así como ao resto dos partidos políticos de Ourense, a asumir compromisos concretos e sumarse a un pacto común en defensa dos dereitos das persoas traballadoras.

Avante Ourense propón un pacto político en Ourense para reforzar a defensa dos dereitos laborais, a transparencia e o control da contratación pública.
Tras recibir o testemuño dun antigo traballador de KuBOX Modular, trasladamos a información ás administracións competentes para que se verificasen os feitos. A xefatura da Inspección de Traballo de Ourense comunicounos a apertura de dilixencias inspectoras. Non acusamos nin condenamos a ninguén: corresponde ás autoridades determinar se existen irregularidades.

Esta situación lévanos a formular unha pregunta ao PSOE, ao BNG e ás demais formacións políticas: están dispostos a deixar á marxe as diferenzas partidarias e chegar a un pacto real para defender os dereitos das persoas traballadoras?

O pacto que propoñemos debe incluír medidas de protección laboral, maior control do cumprimento da normativa nas empresas contratistas e cooperación entre as administracións competentes.

A organización ofrece diálogo a todas as formacións que queiran sumarse a esta iniciativa e reclama compromisos verificables, máis alá das declaracións públicas.

Avante Ourense está disposto a impulsar este pacto. A pregunta é: están dispostos os demais partidos a asumilo?

Comparte este artigo