O Concello conmemora o Día para a eliminación da violencia contra as mulleres cun acto institucional no salón de plenos

Redacción

A concelleira Noa Rouco deu lectura ao manifesto aprobado pola Federación Galega de Municipios e Provincias

O texto lembra que, ata finais de outubro, 43 mulleres foron asasinadas en España polas súas parellas ou exparellas, unha delas en Galicia

O Concello de Ourense sumouse hoxe á conmemoración do 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, cun acto institucional que se desenvolveu no salón de plenos.

A concelleira de Igualdade, Noa Rouco, deu lectura á declaración elaborada pola Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) con motivo desta data, baixo o lema “Que che doe máis?”. Ao acto acudiron tamén o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, representantes de todos os grupos políticos municipais, entidades sociais e forzas e corpos de seguridade.

“En representación do municipalismo galego, reafirmamos a nosa máis firme condena e rexeitamento de todas as formas de violencia machista que atentan contra a liberdade, a dignidade, a seguridade e a igualdade das mulleres”, sinala a declaracíón da FEGAMP.

O manifesto subliña que “as cifras oficiais reflicten a persistencia desta realidade e a necesidade de manter e reforzar as políticas públicas de prevención, protección e atención integral”. Lembra que, segundo os datos provisionais da Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero, “a 27 de outubro de 2026, rexistrábanse en España 43 mulleres asasinadas polas súas parellas ou exparellas no que vai de ano, unha delas en Galicia, ademais de 3 menores tamén asasinados”. E engade: “Estas cifras non poden quedar nunha estatística. Cada caso representa unha vida truncada, unha contorna familiar afectada e unha chamada de atención sobre a necesidade de reforzar a prevención, a detección temperá, a protección e a atención integral”.

A declaración tamén pon o foco na prevención entre a mocidade e ante as novas formas de violencia dixital e sexual, e destaca a importancia da implicación das entidades locais na construción “dunha sociedade galega máis igualitaria e libre de violencia machista, mediante iniciativas de sensibilización, colaboración institucional e promoción das políticas municipais de igualdade”. Finalmente, o texto apela á acción coordinada de todas as administracións e á dotación de financiamento estable, persoal cualificado e recursos suficientes para “construír concellos máis seguros, igualitarios e libres de violencia”.

Comparte este artigo