O XX Torneo de Nadal – Memorial Marosa Salgado reunirá máis de 600 ximnastas no Pavillón dos Remedios

Redacción

Desenvolverase en dúas xornadas: o 28 de novembro (rítmica, estética de grupo e ximnasia xeral) e o 19 de decembro (trampolín)

Os clubs Ximnasia Pavillón e Ximnasia Escola Pavillón, organizan o XX Torneo de Nadal de Ximnasia – Memorial Marosa Salgado Madriñán, que reunirá máis de 600 deportistas de clubs de toda Galicia, en dúas xornadas. A primeira cita será este sábado, 28 de novembro, dedicada á rítmica, á estética de grupo e á ximnasia xeral, e a segunda, o 19 de decembro, dedicada á ximnasia de trampolín.

A Praza Maior foi o escenario esta mañá da presentación do campionato, que está organizado coa colaboración do Concello de Ourense, a Deputación Provincial, a Xunta de Galicia e diferentes empresas.

A xornada do sábado, 28, de 11.00 a 13.30 horas, na pista central do Pavillón, combinará a competición de conxuntos de nivel absoluto coas exhibicións dos equipos dos clubs Pavillón e Escola Pavillón, da Escola Deportiva de Barbadás, da Escola Ximnasia Burgas e doutros clubs e escolas de Galicia.

A parte competitiva estará centrada nos conxuntos absolutos que preparan o Campionato de España de Conxuntos, que se celebrará en decembro en Valladolid. Participarán conxuntos de alto nivel das categorías infantil, júnior, sénior e primeira categoría.

As exhibicións terán como fío condutor a temática Festas do Mundo, con exercicios preparados por ximnastas, adestradores e adestradoras para trasladar ao tapiz este ambiente festivo. Ao remate lembrarase o 30 aniversario da primeira participación dun conxunto de rítmica do Pavillón nun Campionato de España, en decembro de 1996. Pola súa banda, a xornada de trampolín do 19 de decembro celebrarase no anexo do Pavillón dos Remedios.

Solidariedade con Amencer e Bicos de Papel

Unha vez máis, o torneo incluirá a recollida de alimentos para colaborar coa Asociación Xuvenil Amencer neste Nadal, co obxectivo de superar a participación de edicións anteriores. Tamén se suma ao compromiso dos clubs de dedicar os seus eventos a entidades sen ánimo de lucro que desenvolven un labor social na nosa contorna. Nesta edición colaborará con Bicos de Papel, asociación que apoia os nenos e nenas con cancro e as súas familias, tamén as de Ourense que deben desprazarse a Vigo para recibir tratamento.

Bicos de Papel contará cun stand nas instalacións durante as dúas xornadas para dar a coñecer o seu labor e explicar como colaborar. Entre os seus recursos dispón dunha vivenda de acollida próxima ao Hospital Álvaro Cunqueiro, que ofrece aloxamento gratuíto ás familias desprazadas.

Na xornada de rítmica participarán estes clubs:

Club Viravolta – Santiago de Compostela
Club María Barbeito – A Coruña
Club Maniotas – Vigo
Club Ximnasia Porriño – O Porriño
Club Agarimo – Marín
Escola Deportiva de Barbadás
Club Deportivo Madre Trinidad – Miraflores
Escola Ximnasia Burgas Ourense
Club Ximnasia Pavillón Ourense
Club Ximnasia Escola Pavillón.

Comparte este artigo