Ana Vázquez sitúa a vivenda entre as prioridades de Feijóo e defende construír un millón de vivendas en España

Redacción

· A cabeza de lista do PP ao Congreso por Ourense bonificacións fiscais para propietarios e inquilinos nos contratos de máis de tres anos. Tamén defendeu a aprobación dunha lei contra a ocupación ilegal que permita o desaloxo nun prazo de 48 horas

· Vázquez avanzou unha rebaixa do IVE da vivenda nova do 10 ao 4 %, avais públicos para facilitar a compra e bonificacións fiscais para propietarios e inquilinos nos contratos de alugueiro de máis de tres anos

A candidata do PP ao Congreso por Ourense, Ana Belén Vázquez, situou hoxe o acceso á vivenda entre as prioridades dun goberno presidido por Alberto Núñez Feijóo e defendeu o obxectivo de construír un millón de vivendas en España, con especial atención á mocidade.

Entre as medidas do programa do PP, Vázquez destacou a rebaixa do IVE da vivenda nova do 10 ao 4 %, a redución da carga fiscal na compra de vivenda, con especial atención ao medio rural, e os avais públicos para facilitar o acceso á compra a persoas de ata 50 anos. A candidata subliñou a dificultade da mocidade para emanciparse e sinalou que en España a idade media de emancipación supera os 30 anos.

Para acelerar a construción, Vázquez propuxo mobilizar solo público e reformar a Lei do Solo e a Lei de Propiedade Horizontal. Entre as medidas que avanzou figuran o silencio administrativo positivo cando un concello non resolva unha solicitude de licenza urbanística no prazo de tres meses e a posibilidade de dividir en dúas as vivendas de máis de 180 metros cadrados.

No mercado do alugueiro, a candidata anunciou bonificacións fiscais para propietarios e inquilinos nos contratos de máis de tres anos. Tamén defendeu a aprobación dunha lei contra a ocupación ilegal que permita o desaloxo nun prazo de 48 horas.

Preguntada por cantas vivendas poderían construírse en Ourense, Vázquez explicou que a cifra dependerá da dispoñibilidade de terreos, do planeamento urbanístico dos concellos e da colaboración entre administracións. Engadiu que a maioría parlamentaria será determinante para aprobar as reformas previstas no programa. Vázquez destacou que a Xunta prevé destinar 64 vivendas ao alugueiro social en decembro e afirmou que o Goberno de Sánchez non entregou ningunha vivenda en Ourense durante os seus oito anos de mandato.

Comparte este artigo