Avante Ourense solicita ao Concello un estudo técnico para crear unha rede de carrís bici segura e conectada

Redacción

Francisco Diéguez: ‘’Non queremos carrís bici improvisados nin actuacións illadas. Queremos que o Concello estude seriamente como construír unha rede que permita desprazarse en bicicleta dunha punta a outra da cidade con seguridade’’.

A formación reclama unha planificación integral que aproveite as infraestruturas existentes, se coordine coa Zona de Baixas Emisións e conecte os diferentes barrios da cidade.

Avante Ourense anuncia a presentación dun escrito ante o Concello no que solicita a elaboración dun estudo técnico de viabilidade para implantar unha rede de carrís bici continua, segura e conectada, co obxectivo de avanzar cara a un modelo de mobilidade máis sostible e accesible.

A formación considera que Ourense necesita unha planificación que permita conectar os diferentes barrios, centros educativos, zonas comerciais e equipamentos públicos, evitando que as infraestruturas ciclistas funcionen como tramos illados.

O requirimento presentado por Avante Ourense solicita que os servizos técnicos municipais estuden os posibles trazados, as condicións de seguridade viaria, as características das rúas e o custo das actuacións, así como a súa integración coas infraestruturas existentes e coa Zona de Baixas Emisións (ZBE).

A formación tamén solicita que o estudo permita establecer prioridades e valorar unha implantación progresiva, tendo en conta as necesidades dos diferentes barrios, a convivencia co transporte público e a actividade comercial.

Avante Ourense considera fundamental que o proceso conte coa participación da cidadanía e das entidades relacionadas coa mobilidade sostible, co fin de garantir que as actuacións respondan ás necesidades reais da cidade.

Así mesmo, reclama ao goberno municipal unha resposta expresa á solicitude e información sobre as medidas que se decidan adoptar.
“Ourense non pode seguir dando as costas á mobilidade sostible. Pedimos ao Concello que faga o seu traballo: estudar, planificar e ofrecer alternativas reais. Queremos unha cidade máis segura, sostible e conectada”, conclúe Diéguez.

Comparte este artigo