Redacción

Os deputados populares no Congreso acusan ao Goberno de Pedro Sánchez de camuflarse tras os “segredos oficiais” para ocultar a falta de gardas civís no Salnés

  • Irene Garrido, Pedro Puy e Juan Andrés Bayón, cualificaron de “intolerable e escandalosa” a resposta do Goberno sobre a situación dos medios humanos e materiais nos cuarteis da Garda Civil de Vilagarcía de Arousa, Cambados, Sanxenxo, O Grove e Vilanova de Arousa.
  • Os deputados populares lamentaron que o Ministerio de Fernando Grande-Marlaska use de forma “abusiva e opaca” os acordos de seguridade do Estado de hai corenta anos para non admitir que as plantillas locais se atopan baixo mínimos na comarca do Salnés.
  • O Estado confirma na súa resposta que realmente hai un déficit de efectivos da Garda Civil na provincia de Pontevedra, xa que conta con 1.661 dispoñibles, dos cales 1.551 están en activos, 83 en reserva e 27 alumnos en prácticas, o que deixa sen cubrir o 18% do catálogo de prazas previstas, establecido en 1.835 activos.

Pontevedra, 13 de xullo de 2026 – Os deputados do PP de Pontevedra no Congreso, Irene Garrido, Pedro Puy e Juan Andrés Bayón, cualificaron de “intolerable e escandalosa” a resposta do Goberno de España á súa batería de preguntas sobre a situación dos medios humanos e materiais nos cuarteis da Garda Civil de Vilagarcía de Arousa, Cambados, Sanxenxo, O Grove e Vilanova de Arousa.

Nunha pregunta parlamentaria rexistrada o pasado mes de maio, os deputados pontevedreses esixiron ao Executivo central que dese información sobre o número de axentes en persoal activo e sobre a frota de vehículos oficiais dispoñibles en cada un destes postos para avaliar o déficit de seguridade na comarca.

Con todo, a resposta por escrito si saca á luz o estado real do parque móbil, xa que o Executivo confirma que o Salnés só dispón de 13 vehículos en Cambados, 10 en Vilagarcía de Arouusa, 5 en Sanxenxo, 4 no Grove e apenas 2 en Vilanova de Arousa.

O Estado confirma na súa resposta que realmente hai un déficit de efectivos da Garda Civil na provincia de Pontevedra, onde o corpo, conta con 1.661 efectivos dispoñibles, dos cales 1.551 están en activos, 83 en reserva ocupada e 27 alumnos en prácticas), o que deixa sen cubrir o 18% do catálogo de prazas previstas, establecido en 1.835 activos.

A contestación oficial do Goberno central evita facilitar as cifras específicas de axentes operativos locais acolléndose á Lei de Segredos Oficiais de 1968 e declarando esta información como “materia reservada”.

Os deputados populares lamentaron que o Ministerio de Fernando Grande-Marlaska use de forma “abusiva e opaca” os acordos de seguridade do Estado para non admitir que as plantillas locais se atopan baixo mínimos na comarca do Salnés. “Non se pode protexer aos cidadáns nin loitar contra a delincuencia ocultando as carencias materiais baixo un manto de confidencialidade de hai corenta anos”, denunciaron os populares.

Comparte este artigo