A antiga escola unitaria de Chenlo reabre as súas portas transformada nun novo espazo cultural e comunitario

Redacción

A antiga escola unitaria de Chenlo xa está lista para volver a acoller vida no seu interior. Tras a finalización dos traballos de rehabilitación e mellora, o histórico inmoble reabre oficialmente as súas portas convertido nun espazo cultural e social de uso comunitario ao servizo de toda a veñanza.

A intervención, que contou cun investimento municipal de case 50.000 euros, permitiu recuperar e modernizar un edificio clave para a memoria colectiva do Porriño, adaptándoo ás necesidades actuais e garantindo a súa plena accesibilidade e eficiencia.

Unha instalación moderna, accesible e eficiente

Coa conclusión das obras, o inmoble conta agora cun salón de actos ampliado e acondicionado para acoller eventos de gran formato, reunións e actividades multitudinarias. Así mesmo, os traballos permitiron renovar por completo a instalación eléctrica, as canalizacións e a fontanaría interior, ademais de impermeabilizar o tellado e eliminar as vellas humidades.

A reforma inclúe tamén a eliminación de todas as barreiras arquitectónicas nos accesos e no interior do local, garantindo un espazo cen por cento inclusivo. Os baños foron completamente reformados e adaptados á normativa vixente de accesibilidade e confort.

Reencontro interxeneracional e dinamización veciñal

Coa súa reapertura, o novo centro social de Chenlo volverá reunir a nenos, nenas, mozos e maiores. A partir de agora, as instalacións acollerán unha ampla programación de cursos, obradoiros, exposicións e encontros veciñais destinados a dinamizar a vida social e cultural da parroquia.

Desde o Concello do Porriño destacan que a finalización desta obra cumpre co obxectivo de devolverlle o protagonismo a un patrimonio fundamental da parroquia, dándolle un novo uso público sen perder a súa esencia comunitaria.

Esta actuación súmase a outras iniciativas de recuperación de escolas unitarias do municipio, como a de Pontellas —rehabilitada como escola infantil— ou a de Covelo, en Atios, destinada a centro de día, consolidando a aposta municipal pola posta en valor do patrimonio e os servizos de proximidade nas parroquias.

Comparte este artigo