A campaña de control do cinturón sáldase con nove denuncias pero con 27 polo uso do móbil ao volante

adminON
Lectura mínima de 3

A Policía Local supervisou a pasada semana 2.870 vehículos tanto turismos como taxis, autobuses e  mercadorías. 

O Concello de Pontevedra, en colaboración coa Dirección xeral de tráfico, vén de facer unha campaña de  control dos cinturóns de seguridade e outros sistemas de retención nos vehículos co resultado de nove  denuncias tramitadas de 2.870 controis realizados. Ao tempo que xestionaban a campaña, os axentes tamén  controlaron o uso dos dispositivos móbiles e de consumo de sustancias estupefacientes co resultado de 27  denuncias por uso do móbil e 6 por dar positivo en drogas.  

Ao respecto da campaña de control do cinto, a Policía Local púxoa en marcha a pasada semana entre o 11 e o  17 de marzo e realizou 2.870 controis a vehículos supervisando os sistemas de retención de todas as persoas  que viaxaban.  

Fixeron 2.5901 controis en turismos, dos cales soamente un conductor non empregaba o cinturón de  seguridade; en 211 vehículos de mercadorías, soamente un non levaba o cinto posto; e os 38 taxis e 30  autobuses supervisados, todos cumprían a normativa.  

O control estendeuse aos asentos dos pasaxeiros, tanto dianteiros como traseiros. No caso dos asentos  dianteiros controláronse a 800 persoas: 746 que viaxaban en turismo levaban cinto e 5 non; en autobuses  tramitouse unha denuncia, e ningunha taxis (9 persoas viaxaban en asento dianteiro) nin en vehículos de  mercadorías (39).  

No caso dos asentos traseiros, non se tramitou ningunha denuncia das 265 persoas que viaxaban neles, en  concreto: 242 en turismo, 3 en taxis e 20 en vehículos de mercadorías.  

En relación aos sistemas de retención infantil adaptados a talla e peso dos cativos, controláronse 137  colocados en asentos dianteiros e traseiros de turismos. Soamente se tramitou unha denuncia por non  empregar un asiento homologado nun asiento traseiro dun turismo.  

A concelleira de Seguridade Cidadá, Eva Vilaverde quere facer fincapé na importancia destas campañas para  concienciar aos condutores e usuarios de vehículos no uso destes elementos de retención. Recorda, como se  pode comprobar polos datos da campaña, que está moi interiorizado o uso dos cinturóns de seguridade e dos elementos de retención pola grande maioría dos condutores, pero lembra que segue a ser preocupante  o uso do teléfono móbil en lugar de aparellos de conexión.

Comparte este artigo